O PP de Agolada denuncia o illamento do concello tras quedar fóra da mancomunidade Terras de Deza-Tabeirós
Agolada, 13 de abril de 2026
O Partido Popular de Agolada denuncia que o noso municipio volve quedar á marxe das decisións estratéxicas da contorna ao ser o único concello da comarca, do norte da provincia de Pontevedra e da súa área de influencia que non se integra na nova mancomunidade Terras de Deza-Tabeirós, recentemente ampliada coa incorporación de A Estrada, Forcarei e Dozón.
Dende o PP consideran que esta situación evidencia “unha absoluta falta de ambición e responsabilidade por parte do goberno local”, ao renunciar a formar parte dun organismo clave para a xestión compartida de servizos, a captación de investimentos e a mellora da calidade de vida dos veciños.
A portavoz popular, Carmen Seijas, foi especialmente crítica ao sinalar que “é incomprensible que Agolada quede illada mentres todos os concellos da contorna apostan pola cooperación. Isto non vai de siglas, vai de traballar polos veciños, e aquí estase facendo xusto o contrario”.
Seijas engadiu que “nesta mancomunidade hai concellos de todas as cores políticas, do Partido Popular, do Partido Socialista e doutras formacións, o que demostra que a prioridade é sumar esforzos e non levantar muros, como está facendo o goberno de Agolada”.
A portavoz popular foi máis alá e asegurou que “este novo goberno de Óscar Val segue exactamente a mesma liña que o anterior de Luis Calvo: illamento, falta de iniciativa e rexeitamento a colaborar con outras administracións”. Neste sentido, afirmou que “queda claro que son o mesmo proxecto, coa mesma forma de pensar e coa mesma maneira de actuar, e quen o paga son os veciños de Agolada”.
Dende o PP consideran que esta decisión “non só resta oportunidades ao municipio, senón que o condena a quedar atrás mentres o resto da comarca avanza unida”.
Por todo isto, os populares esixen ao goberno local que abandone “esta actitude de illamento permanente” e que inicie de inmediato os trámites necesarios para a incorporación de Agolada á mancomunidade Terras de Deza-Tabeirós, “poñendo dunha vez por todas os intereses dos veciños por riba de calquera outro cálculo político”.