O PP de Agolada denuncia o abandono do Centro de Saúde e esixe solucións inmediatas ante as altas temperaturas

Mércores, 17 de xuño de 2026
O Partido Popular de Agolada denuncia a situación que están a sufrir estes días os profesionais e pacientes do Centro de Saúde da localidade, obrigados a soportar as altas temperaturas sen dispoñer dun sistema de climatización adecuado nunhas instalacións que deberían ofrecer unhas condicións dignas e confortables para a atención sanitaria.
A formación popular considera especialmente grave que, a pesar da existencia dun sistema de climatización na piscina anexa adquirido hai apenas uns meses, este tampouco poida utilizarse debido ao seu mal funcionamento, unha circunstancia que, ao seu xuízo, evidencia a falta de previsión, mantemento e xestión por parte do Goberno municipal.
A voceira do PP de Golada, Carmen Seijas, lamenta que “un servizo tan esencial como o Centro de Saúde teña que afrontar unha situación que non debería producirse. Estamos a falar de persoas maiores, de pacientes que acoden con problemas de saúde e de profesionais que desenvolven o seu traballo en condicións claramente inadecuadas”.
Seijas considera que este episodio “é unha mostra máis de cales son as verdadeiras prioridades do Goberno local, que unha vez máis dá as costas ás necesidades reais dos veciños mentres os problemas importantes continúan sen resolverse”.
Desde o Partido Popular lembran que levan anos reclamando actuacións que permitan mellorar o estado e o funcionamento do Centro de Saúde, sen que ata o momento se teñan adoptado solucións definitivas. Por iso, o grupo municipal popular volverá presentar no vindeiro pleno unha moción na que solicitará a adopción urxente de medidas que permitan mellorar as condicións das instalacións, garantindo o benestar tanto dos profesionais sanitarios como dos pacientes que acoden diariamente ao centro.
“Non estamos ante un luxo nin ante unha demanda secundaria; estamos a falar de garantir unhas condicións mínimas de comodidade e seguridade nun servizo básico para todos os veciños de Golada”, sinala a portavoz popular.
A través desta moción, o PP tamén volverá instar ao Goberno municipal a dar os pasos necesarios para establecer un convenio co SERGAS que permita a cesión das instalacións do Centro de Saúde á Xunta de Galicia. Os populares consideran que esta medida permitiría asegurar unha mellor conservación, mantemento e modernización dunhas instalacións fundamentais para a atención sanitaria da veciñanza.
Segundo Carmen Seijas, “levamos anos defendendo esta proposta porque entendemos que é a mellor solución para garantir que o Centro de Saúde conte cos investimentos e cos recursos que necesita. Non imos cansarnos de reclamala porque estamos convencidos de que é o mellor para os veciños de Golada”.
A voceira popular conclúe afirmando que “mentres o Goberno municipal segue sen ofrecer solucións, os pacientes e os profesionais continúan sufrindo as consecuencias da súa falta de xestión. O Centro de Saúde merece ser unha prioridade e non unha preocupación constante para os veciños. Desde o Partido Popular seguiremos traballando e reclamando actuacións ata que esta situación quede definitivamente resolta”.