O PP da Illa revela que o goberno local aprobou a devolución do sobrecuste das novas taxas de lixo e saneamento a algúns negocios e esixe que se lle aplique a todos

Mércores, 7 de maio de 2025 .-

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de revelar que o bipartito acaba de aceptar, no marco dun acordo dunha xunta de goberno local extraordinaria, os recursos de reposición contra as novas taxas de lixo e saneamento presentados por unha quincena de negocios e, paralelamente, a devolución das contías cobradas indebidamente, que oscilan en cada caso entre os 33 e os 440 euros por recibo.

Ademais, nesa mesmo sesión do executivo tamén se revisou de oficio o importe destes tributos á baixa a prol dunha pequena empresa, pero se denegaron os recursos presentados, no mesmo sentido, por ata 13 locais de hostalería, aos que se lles nega unha tributación máis acaída e rebaixada en base ás ordenanzas fiscais do ano 2024.

Neste senso, os populares defenden que esta rebaixa “que é de xustiza tras o castigo fiscal que lles impuxeron ás actividades económicas” debe aplicarse en todos os casos “sen facer distincións e discriminacións” e esíxenlle ao executivo que as aplique de oficio como fixo nalgún caso na citada xunta de goberno local.

Paralelamente, o PP vai demandar explicacións ao goberno municipal para que actúe con transparencia e os veciños, e principalmente os titulares de actividades económicas do municipio illeño, saiban a que aterse en materia fiscal, aínda que os populares insisten na súa posición contraria ás subas “estratosféricas” aprobadas polo bipartito PSOE-BNG.

“Ou a brutal suba de impostos non tiña sentido como dicimos sempre desde o PP e agora póñense a recuar ou son incapaces de pasar os recibos axeitadamente e cóbranlle de máis á xente, co prexuízo que lles supón adiantar os cartos para que logo teñan que devolverlos. En calquera dos dous casos estamos ante unha situación grave, ben polo seu voraz afán recadatorio contra a xente, ben por neglixencia, pero sexa o que sexa xa está ben da súa política contra os comercios, bares e empresas da Illa, que só buscan gañarse a vida e que no seu goberno atopan máis un inimigo que un aliado”, manifestou o voceiro municipal, Matías Cañón.

Por elo, o PP local quere coñecer os motivos destas decisións que atenden as reclamacións dos comercios e outros negocios, cousa que valoran positivamente os populares, pero rexeitan as da hostalería, xa que indicou que hai están pendentes as reclamacións destas mesmas taxas de saneamento e recollida de lixo das Vivendas de Uso Turístico (VUT), que en principio agardan que sexan admitidas e se lles devolvan tamén os cartos do sobrecuste fiscal.