O PP da Illa revela que o Concello tramita unha primeira tanda de 8.449 multas polas restriccións de tráfico e alerta dun efecto disuasorio que “asfixiará” aos negocios

Sábado, 20 de decembro de 2025.-

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de revelar que o Concello está a tramitar unha primeira tanda de 8.449 multas polas restriccións de tráfico impostas desde este verán e alerta que esta “barbaridade” de sancións vai provocar un efecto disuasorio para acudir ao municipio que vai “asfixiar e afogar” aos negocios.

Ademais, os populares indicaron que moitas destas sancións non son de turistas ou xente de fóra, senón de condutores de concellos veciños que levan vindo toda a vida á Illa, de amigos e familiares de arousáns e incluso de xente da Illa que está empadroada noutros municipios “porque a política urbanística do PSOE provocou que moitos non poidan ter unha casa aquí”.

Neste senso, desde o PP illeño indicaron que esta “avultadísima” cifra de multas demostra, entre outras cuestións, que falta información e que a sinalización das zonas restrinxidas “é deficiente”, posto que sempre hai comportamentos incívicos e xente que se salta as normas, “pero non a eses niveis e máis cando estamos falando dunha primeira tanda de expedientes, pero o goteo dos mesmos prodúcese a diario e van ir chegando milleiros de sancións máis”.

Así, explicaron que estas case 8.500 infraccións correspóndense, segundo os datos que recabaron, coa quincena de xuño na que arrancaron esta medidas e cos meses de xullo de agosto.

A formación liderada por Matías Cañón ten claro que esta situación e os atrancos excesivos para desprazarse pola Illa vai ter como principais prexudicados os comercios, locais de hostalería e negocios “que fan gran parte do seu volume de negocio con xente de fóra e que van ver minguados os seus ingresos porque a xente non vai querer vir por medo”.

Finalmente, o PP da Illa reiterou que defende a existencia de medidas que favorezan a circulación e o aparcamento dos veciños “porque son aos primeiros que debemos atender”, pero avoga por iniciativas máis suaves e consensuadas entre todos os grupos políticos e os representantes dos veciños e dos negocios, “xa que esta situación esaxera un problema que, desde logo, non era tan grande e que se circunscribe a dous meses ao ano”. “Esta desfeita vai converter á Illa nunha secta bunkerizada afogando aos comercios e á hostalería e agora, no inverno, no que as medidas seguen vixentes malia que a vila é un deserto, non ten ningún sentido”, concluíu.