O PP da Illa lamenta que o alcalde xa anuncie o “fracaso” do novo bus circular, xa que as súas propias estimacións apuntan a dez usuarios de media por viaxe
Sábado, 28 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de valorar o anuncio da posta en marcha, por parte do Concello, do novo bus circular con saída no Bao para desmasificar de tráfico o centro da vila e lamentou que o propio alcalde, Luis Arosa, anuncie con toda satisfacción que vai ser un “fracaso”, xa que as súas propias estimacións de usuarios apuntan que haberá dez persoas de media por cada viaxe.
Os populares concretaron que, segundo as propias cifras ofrecidas na presentación polo goberno local, haberá un total de 4.300 usuarios durante os meses de xullo e agosto nos que estará en funcionamento e a cifra de traxectos serán de 434 a razón de 7 frecuencias diarias –só en quenda de tarde– durante os 62 días de xullo e agosto.
“Coas súas propias cifras, que ao mellor aínda son inferiores como nos tememos, en cada viaxe vai haber dez persoas de media, o que supón 3 ou 4 familias ou 5 parellas que se achegarán ata o Bao cos seus respectivos vehículos. Deste xeito, e dado que hai 7 viaxes cada tarde, van conseguir eliminar uns 30 ou 35 coches do centro cada día, o que consideramos que é unha cifra absolutamente pírrica que non resolve ningún problema”, apostillou o PP local, que tamén apuntou que a inexistencia de frecuencias en quenda de mañá é outra eiva “que demostra que quen nos goberna non coñece a Illa, nin cando ben a xente, xa que a partires do mediodía tamén hai un fluxo importante de xente de fóra, ou non ven como están as praias ou os restaurantes á hora de comer?”.
Ademais, os populares arousáns consideran que, para a consecución deste escaso resultado, a achega municipal de 13.000 euros por dous meses para subvencionar este bus circular supón “un despilfarro máis en toda esta desfeita que están a facer co tráfico”.
“Ao final a xente, que seguirá vindo á Illa porque somos un paraíso aínda que en menor cantidade por todos os atrancos que están poñendo, nin collerá o bus, que é algo que xa calcula o propio Concello polas cifras que ofrece, nin irá ao centro nos seus vehículos polas restriccións ao tráfico. Quedarán no Bao e O Carreirón e os negocios vano notar moito nas caixas”, sinalou a formación illeña.
Por todo elo, e malia a resignación que hai na vila pola obcecación do alcalde con este asunto coa complicidade e apoio do BNG, o PP da Illa cre que aínda se está a tempo de reverter toda esta “terrible situación en materia de tráfico” cunha aposta polo diálogo con toda a veciñanza e os sectores socioeconómicos para buscar un modelo consensuado que beneficie e priorice a circulación cómoda e o estacionamento dos veciños da Illa sen botar ás bravas á xente de fóra, permitindo deste xeito que os comercios e os locais de hostalería sigan tendo uns bos niveis de ingresos no verán, que son parte fundamental do seu volume de negocio de todo o ano.