O PP da Illa lamenta outro mandato perdido para a construción do novo pavillón pola desidia do goberno socialista e anuncia que será un proxecto prioritario para 2027

Sábado, 4 de outubro de 2025.

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de lamentar que a construción do novo pavillón, un proxecto que leva 25 anos sobre a mesa e que se tornou imprescindible, estea inmersa noutro mandato perdido pola desidia e pasotismo do goberno socialista e, ante a imposibilidade de que sexa unha realidade neste período, anunciou que será un proxecto prioritario para o ano 2027 en caso de que os populares obteñan a confianza maioritaria dos veciños nas próximas eleccións municipais.

Os populares dan por “totalmente imposible” que se faga nada e se rexistren avances de calado nesta “imprescindible actuación”, posto que os nenos e os deportistas da Illa carecen de horas suficientes para as súas prácticas e adestramentos na única instalación existente e que se ubica no colexio.

Neste senso, indicaron que, nos 28 meses do presente mandato, o alcalde, Luis Arosa, limitouse a conseguir unha tiriña de terreo, de menos de 1.000 metros cadrados, ao abeiro do Plan Nacional Sobre Drogas na zona de Testos, que é onde se proxecta a construción deste polideportivo municipal. Sen embargo, lamentaron que non lle dese continuidade a este paso e non fixese ningún outro avance para mercar a superficie necesaria, malia que o goberno inclúe todos os anos unha partida pírrica nos orzamentos municipais para esta actuación.

“Para lavar a cara ante os veciños, sempre meten uns cartos nas contas municipais, pero como non fan absolutamente nada porque o proxecto non lles importa, sempre se destinan a outras cousas cunha modificación de crédito. En definitiva, o proxecto do pavillón durme no soño dos xustos, porque non hai o terreo necesario e xa nin falamos da redacción do proxecto, do financiamento ou dos prazos nunha actitude totalmente lamentable porque é unha demanda social unánime que dicen apoiar coa boca pequena, pero que desbotan unha e outra vez coas súas decisións políticas”, aseverou Cañón.

O concelleiro popular tamén deu detalles da gravida da situación, xa que o pavillón do colexio, único na Illa, ten actividades extraescolares ata as 18.00 horas todos os días, polo que os equipos de baloncesto e a ximnasia rítmica teñen que comprimir a súa actividade a partires desa hora e non hai tempo suficiente para todos. De feito, a canteira do baloncesto está a analizar a posibilidade de desprazarse ata Vilanova, aínda que non está decidido polos inconvintes que acarrexa, para os seus adestramentos, xa que non dispoñen de tempo no horario do polideportivo escolar.

“Despois de 25 anos agardando, creo que toda a Arousa xa sabe que cos socialistas nunca teremos o pavillón que necesitamos e merecemos, así que no nos quedan outra que resignarnos e aguantar, pero tamén lles queremos garantir aos veciños que, para nós, trátase dunha cuestión da máxima e absoluta prioridade”, concluíu Matías Cañón.