O PP da Illa lamenta os “anuncios de nada” do alcalde para a construción de vivenda e esíxelle que desbloquee o urbanismo para que os veciños poidan construír nas súas fincas

Sábado, 8 de novembro de 2025.-

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de lamentar os “anuncios de nada” do alcalde, Luis Arosa, en materia de vivenda despois de que esta semana dixera que o acordo co Plan Nacional Sobre Drogas para a transferencia de diversas parcelas na Avenida da Ponte, Testos e Outeiro estaba pendente de sinatura e de diversos detalles técnicos, xa que lembraron que dito pacto se anunciou hai case un ano, en decembro de 2024.

Neste senso, os populares criticaron que o rexedor leve un ano “mareando a perdiz inmerso nunha política propagandística coa que tenta salvar a cara ante os veciños e a súa cadeira, porque a realidade é que alá está indo o mandato e nin hai vivenda, nin hai pavillón, nin hai nada que non sexa conflitos como o caso do tráfico ou das vivendas turísticas”.

Así, lamentaron que, malia que o acceso á vivenda afoga aos veciños, o alcalde siga inmerso en supostos avances, fotografías ou enquisas “que son claramente falsos porque hai un ano dixeron que ían promover 70 vivendas protexidas nestes terreos da man do Goberno de España e agora xa falan de que a ver se llas fai a Xunta, o que demostra que non hai planificación, nin proxecto, nin acordos e todo limítase á improvisación para que pareza que algo se está a facer”.

De feito, o voceiro popular, Matías Cañón, preguntoulle onte ao alcalde por este asunto no pleno e limitouse a dicir que “estaba traballando con distintas administracións, o que deixa ben claro que esas 70 vivendas que anunciou co subdelegado do Goberno, Abel Losada, eran fume”. “Non hai nada nin haberá nada, pero tampouco é de estranar porque un goberno que non é quen de adxudicar unha reforma das antigas casas dos mestres por 150.000 euros non ten capacidade para sacar adiante un proxeco de vivenda tan importante”, detallou.

Solucións á vivenda na Illa

O edil do PP cre que o goberno local debería adicarse a traballar nas modificacións puntuais que permitan axilizar o desenvolvemento do urbanismo a través das áreas de reparto, xa que esta normativa, impulsada polo PSOE no executivo municipal, é a que ten paralizada a construción de vivenda en moitos espazos desde hai 22 anos e provoca que veciños que posúen terreos en propiedade teñan que mercar un piso noutros concellos para facer a súa vida. “Fixeron unha xestión urbanística da que pagamos as consecuencias e que está a botar á xente da Illa”, detallou.

Cañón lembrou que o PP xa incluíu no seu programa electoral de 2023 a execución destes cambios puntuais no PXOM para cambiar a calificación do solo de moitas áreas de reparto, o que liberaría o terreo das prohibicións e fortes restriccións actuais e daría solución a gran parte do problema da vivenda.

Finalmente, concretou que o planeamento urbanístico contempla 79 áreas de reparto e o seu desenvolvemento é moi baixo –por debaixo do 20%– polos innumerables problemas que plantexa, pero, sobre todo, porque inclúen catalogacións de infraestruturas e equipamentos que non se van facer e que bloquean a construción de vivendas en determinadas zonas moi apetecibles porque correspóndense con terreos edificables