O PP da Illa lamenta a “incapacidade” de Luis Arosa para conseguir investimentos da Xunta e cre que se precisa outro alcalde e outro goberno para a mellora do Cantiño e do CEIP

3 de setembro de 2025

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de lamentar a “incapacidade autorecoñecida” polo alcalde, Luis Arosa, para conseguir investimentos da Xunta de Galicia, en referencia ás súas queixas polas necesarias melloras no paseo do Cantiño e no CEIP Torre-Illa, e cre que o Concello precisa doutra dirección e doutra xestión, con outro alcalde e outro goberno local, para negociar axeitadamente estas actuacións co Goberno galego.

Os populares reiteraron que os investimentos da Xunta son “moi desexados e moi pelexados” por todos os concellos de Galicia e, neste punto, destacaron que hai que actuar con criterio, con demandas razonadas, con proxectos ben presentados, con insistencia, con fortaleza política e con capacidade de traballo, “que son cuestións das que adoece por completo o noso alcalde e o noso feble e enfrontado bipartito”.

Ademais, desde o PP da Illa replicaron que os argumentos de Luis Arosa de que a Xunta só inviste nos concellos gobernados polo Partido Popular “son ridículos e cáense polo seu propio peso e nin sequera hai que saír da nosa comarca para ver a millonada que está adicando ao Concello de Vilagarcía de Arousa, que ten un alcalde socialista”.

Nesta liña, e sobre a demanda de mellora no CEIP Torre-Illa e a reiteración das acusacións contra a Xunta sobre favoritismo político, os populares calificáronas de “mentira manifesta e de patas moi curtas”, xa que agora mesmo estase ampliando o colexio San Tomé de Cambados por 992.000 euros e ven de licitarse a modernización integral do Rosalía de Castro do Grove por 1,7 millóns, en ambos casos con rexedores do mesmo partido que Luis Arosa. “A ver se o problema vai ser o noso alcalde, porque os dos demais concellos si que conseguen investimentos da Xunta”, se preguntaron os populares.

Finalmente, o voceiro municipal, Matías Cañón, tamén respondeu aos requerimentos do alcalde sobre o papel do PP local nesta xira que comezou para chorarlle investimentos á Xunta e que xa o levou polo Cantiño e o CEIP: “O PP da Illa está na oposición porque así o decidiron os dous partidos que perderon as eleccións, o PP da Illa leva todo o mandato traballando e atendendo aos veciños e defendendo os seus intereses fronte á súa nefasta xestión e aínda que nos interpele, xa lle adiantamos que non imos facer o seu traballo, que cobra 30.000 euros anuais por facelo. E se non sabe como conseguir investimentos, se admite a súa impotencia e incapacidade, teno moi fácil, que dimita e que deixe paso a outro”.