O PP da Illa lamenta a falta de respecto aos veciños e á democracia polo adiamento do pleno no que ían participar polo plan de tráfico “por mala xestión e cuestións persoais”

Venres, 2 de maio de 2025 .-

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de criticar unha nova arbitrariedade do alcalde, Luis Arousa, á hora de fixar as datas dos plenos ordinarios, lamentando a falta de respecto aos veciños, á normativa e á democracia por adiar a sesión do mes de maio, prevista para a xornada de hoxe, “por mala xestión e polas súas cuestións persoais”.

“Xa sabemos que non teñen ningunha consideración con nós e co PP da Illa malia que somos claramente a forza máis votada e máis representativa do concello e que temos uns dereitos e un traballo de oposición que facer na defensa dos veciños. Xa non agardamos deles ningún tipo de respecto, lealdade institucional nin compañeirismo, que hai que lembrar que, coas ideas de cada quen, ao final somos todos representantes da Illa, pero o que é moi grave é que se salten unha celebración ordinaria do pleno cando nela estaba previsto que falasen representantes da hostalería e dos negocios polo plan de tráfico que queren poñer en marcha e que esperta un gran malestar”, sinalou o vicevoceiro, Miguel Paz.

Os populares calificaron de “inadmisible” que a sesión ordinaria de hoxe “que se sabe de sobra cando é porque ten que celebrarse sempre o primeiro venres dos meses impares” non se puidese convocar en tempo e forma polo apagamento do pasado luns e engadiron que este adiamento “causou queixas e molestias aos hostaleiros e empresarios que ían falar e acudir á sesión e que xa contaban con esta data”. “Ao mellor están xogando a que pase o tempo e as cousas vaian caendo no esquecemento porque non lles apetece escoitar o que lles teñen que dicir sobre as súas medidas e restriccións circulatorias sen sentido”, apostillou.

Ademais, Miguel Paz tamén criticou que, máis alá da data ordinaria do pleno, a habitual alternativa cando hai aprazamentos, que sería o venres seguinte –día 9 de maio neste caso–, tampouco fose proposta polo alcalde por cuestións persoais. Neste senso, revelou que finalmente a sesión quedou convocada para o xoves 8 de maio.

Finalmente, lamentou os incumprimentos do alcalde á hora de convocar os plenos, xa que lembrou que recentemente xa houbo unha circunstancia similar no previsto para despois do Entroido, e tamén lamentou o seu absolutismo á hora de impoñer datas alternativas: “Non habería ningún problema en cambiar algún pleno se as cousas se falan con tempo, con talante e se negocia coa oposición, pero como non contan con nós para nada, e así lles vai, o mínimo que teñen que facer é cumprir cos seis plenos ordinarios que hai cada ano porque prexudica moito a nosa asistencia e traballo que nos organicemos, e tamén as nsoas tarefas familaires e persoais e logo non se celebren os plenos”.