O PP da Illa impulsa un pleno extraordinario para suprimir as medidas restrictivas de circulación no novo plan de tráfico e pídelle “coherencia” ao BNG para a súa revogación

Sábado, 17 de maio de 2025

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de formalizar a súa solicitude para impulsar un pleno extraordinario no que se solicita ao pleno da corporación que suprima as medidas restrictivas de circulación recollidas no novo plan de tráfico e que se pretenden poñer en marcha desde este verán, xa que consideran que prexudican enormemente o desenvolvemento socioeconómico do concello e contan cun maioritario rexeitamento veciñal.

Os populares van forzar a celebración desta sesión, algo ao que teñen dereito posto que foron o partido máis votado no concello con case 1.500 votos e máis do 43%, co obxectivo de eliminar as prohibicións de circulación, que consideran moi lesivas para os illeños e os negocios, a implantación dos lectores de matrícula e a imposición de multas económicas.

“Todo o que está facendo o alcalde Luis Arosa é unha fuxida para adiante sen pés nin cabeza, que o único que está a causar é un forte malestar da xente, unha gran alarma social e unhas malas perspectivas para os comercios e os locais de hostalería, polo que a nosa obriga é levar esta cuestión a pleno para que rectifique”, sinalou o voceiro popular, Matías Cañón.

Neste senso, o concelleiro do PP pediulle ao BNG que sexa “coherente” co manifestado polo seu voceiro, Manuel Suárez, respecto a que as medidas son esaxeradas para unhas poucas semanas do ano e que colabore con esta proposta do PP para a revogación das citadas medidas.

“O Bloque está a ser un partido moi irresponsable, porque está deixando que o alcalde se cargue o pobo malia ser parte do goberno, e tamén moi covarde, porque está agochado detrás dunha suposta excusa de prudencia que vai en contra das peticións maioritarias dos veciños. Polo tanto pedímoslles que sexan valentes e voten a favor da nosa proposta, porque eles din que non lle fan caso ao PP, pero non se trata diso, senón de facerlle caso aos veciños, de defendelos e de apostar polo sentido común”, apostillou Cañón.

Paralelamente, o PP tamén vén de solicitar por escrito toda a documentación do expediente do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) desde a súa aprobación no ano 2017 e lamentou que o alcalde “no seu intento desesperado de defender o indefendible atacara ao PP alegando que votou a favor dun documento que non deixa de ser unha declaración de intencións que logo ten que falarse entre todos para buscar un consenso en aras do beneficio de todos”.

“Claro que votamos a favor do PMUS como folla de ruta cunhas ideas xenéricas que logo o PSOE aplicou como lle veu en gaña, porque levamos todo este tempo dicindo que é necesario e urxente tomar medidas de tráfico a prol dos veciños, pero de entrada hai que deixar claro que chega con temporalizalas a xullo e agosto, que é onde se circunscribe o problema. E en todo caso, medidas si, pero non así, porque a solución non pode ser a costa de bunkerizar a vila e converter á Illa nunha aldea gala ou unha secta”, concluíu.