O PP da Illa impulsa un pleno extraordinario para depurar responsabilidades pola filtración dos seus datos persoais e a vulneración da súa privacidade por parte do goberno local
enres, 28 de novembro de 2025
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de rexistrar formalmente a celebración dun pleno extraordinario, ao que ten dereito como partido máis votado do concello, para esixir a depuración de responsabilidades políticas e a aplicación de sancións ás persoas que procederon á filtración dos seus datos persoais, coa conseguinte vulneración da súa privacidade, por exclusiva responsabilidade do goberno local.
Os populares explicaron que o pasado 5 de novembro recibiron nos seus enderezos de correo electrónico un convite oficial do Concello da Illa de Arousa para a asistencia aos actos do 25N desde unha dirección descoñecida e cunha mensaxe que viña asinada pola previsible nova concelleira do BNG, Lidia Barreiro, que era a persoa prevista para substituír a Elena Otero “tras a súa ruín laminación por parte de Manuel Suárez”, pero que aínda non tomou posesión do seu cargo. Xa daquela, o PP illeño xa denunciara a arrogación e utilización irregular e indebida do seu futuro posto.
Pero máis alá desta usurpación do BNG sen respectar a normativa, os cinco edís do PP arousán trasladaron esta incidencia pola filtración dos seus enderezos electrónicos á Secretaría Municipal, que explicou que a protección dos datos dos representantes políticos estaba adxudicada a unha empresa. Posteriormente, os populares puxéronse en contacto coa mesma e esta admitíulles que houbo unha ruptura da brecha de seguridade e que, seguindo o protocolo, comunicóuselle ao Concello.
A continuación, os representantes destes cinco concelleiros afectados falaron telefonicamente co alcalde, Luis Arosa, que lle sacou importancia ao sucedido “nunha postura incrible posto que houbo unha usurpación do cargo de concelleira e unha entrega ilegal dos datos persoais”, e que dixo que non tiña constancia desta situación.
Finalmente, e antes da solicitude deste pleno extraordinario, os edís populares presentaron, o 11 de novembro, un escrito de denuncia no Concello pola vulneración do seu dereito de privacidade como cargos públicos e agora, nesta sesión, reclámanlle ao goberno local que recoñeza a existencia dunha brecha de seguridad na protección dos datos persoais cunha filtración dos mesmos e que se apliquen as sancións correspondentes en base á Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) aos infractores e responsables destes feitos.
“Basicamente isto pasa por manexar o Concello como se fose o seu cortijo, que é un dos motivos polo que case nada funciona e todo está caendo co que xa é o peor goberno da historia da Illa, pero en todo caso estamos ante unha situación moi grave da que deben dar explicacións e asumir responsabilidades e sancións”, apostillou o voceiro, Matías Cañón.