O PP da Illa esixe ao alcalde que compareza polas irregularidades na súa xestión da Policía Local sentenciadas pola xustiza e que informe da causa aberta por presunto acoso
Sábado, 26 de abril de 2025.-
O grupo municipal do PP da Illa vén de esixirlle ao alcalde, Luis Arosa, que compareza publicamente, en sede plenaria ou onde considere, para dar as explicacións oportunas sobre a sentencia xudicial que confirma que cometeu irregularidades na xestión da Policía Local entre os anos 2021 e 2022 cando era concelleiro delegado de Tráfico e tamén para que informe do estado no que se atopa a causa aberta contra el na xurisdicción social por presunto acoso laboral contra o ex xefe da Policía Local.
“Estamos ante un caso moi grave porque certifica que o actual rexedor incurríu en arbitrariedades e persecución contra un traballador municipal no exercicio das súas funcións de cargo público, polo que se pon en tea de xuízo toda a súa actuación no Concello. De feito, está moi alonxada da exemplariedade que se lle debe esixir a calquera representante dos veciños e pon en dúbida que, calquera actuación de Luis Arosa, responda ao interese xeral”, sinalaron os populares.
A formación que lidera a oposición da Illa pensa que o fallo xudicial é “moi contundente” ao considerar que o actual alcalde realizou usurpación de funcións variando o cadrante do servizo realizado polo ex xefe da Policía Local “só un día despois de que este lle impugnara un decreto irregular de nomeamento de un auxiliar para o corpo” e tamén pola falta de información sobre os complementos de produtividade a este funcionario e por apartalo arbitrariamente da xunta local de seguridade.
“Levamos agardando con paciencia e prudencia un par de semanas, desde que se coñeceu esta sentencia do xulgado do contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra, e o silencio do alcalde, que sempre ten réplica aínda que non teña razón ou meta a zoca, é atronador, polo que nos dá que pensar que o tema é máis grave do que xa semella, pero os veciños da Illa merecen unha explicación de porque o seu máximo representante comete estas irregularidades no Concello”, detallaron desde o PP, que engadiron que o alcalde debe asumir responsabilidades políticas.
Finalmente, os populares recalcaron a gravidade do caso, posto que Luis Arosa valeuse co seu cargo como concelleiro no anterior mandato para emprender “un caso de persecución contra o ex xefe da Policía Local só por non aceptarlle que colocar a unha persoa no corpo” e ironizaron tamén co silencio neste caso do seu socio do BNG “que sempre se fachenda da súa pureza política, pero que cala ante as cacicadas que non lle conveñen non vaia ser que perdan as súas cadeiras no Concello”.