O PP da Illa e do Grove lamentan a falta de modelo turístico e as contradiccións do BNG polas diferentes posturas sobre a taxa aos visitantes nos dous concellos

Sábado, 18 de xaneiro de 2025.-

Os grupos municipais do PP na Illa de Arousa e no Grove veñen de lamentar a falta de modelo turístico e as importantes contradiccións do BNG nos seus concellos sobre a posible implantación dunha taxa aos visitantes, xa que a formación nacionalista mantén posturas diferentes e enfrontadas en ambos territorios sobre esta figura impositiva.

Por elo, os voceiros municipais, Matías Cañón e Pablo Leiva, reclámanlle aos nacionalistas que se aclaren, posto que apoian a creación deste tributo na Illa e rexéitano no Grove malia as moitas similitudes turísticas de ambos territorios, que rexistran un importante volume anual de turistas e se sitúan, nos dous casos, entre o top-10 dos concellos galegos con máis visitantes.

“Non pode ser que o que o BNG defende na Illa, que é implantar unha taxa turística e incluso castigar economicamente aos veciños propietarios das vivendas turísticas sen sentido a través da auga, o lixo e o saneamento nun intento de demonizar ao sector, sexa o contrario do que o mesmo Bloque di no Grove, onde se opón a este imposto. Isto demostra a súa absoluta incoherencia, xa que ambos concellos estamos nunha situación moi similar e demostra que o BNG é un partido que só vale para estar na oposición, porque sempre sen opón a todo e só serve para dicir ‘non’ a todo sen criterio ningún”, manifestaron Cañón e Leiva.

Os dous edís cren que O Grove e A Illa reciben anualmente a decenas de miles de visitantes, polo que a posible implantación dunha taxa turística “merece un debate sosegado e no que se teña en conta, e moito, a opinión do sector”, que na actualidade non está moi pola labor en ambos municipios aínda que está aberto a analizar distintas opcións de cara ao futuro sempre que dito tributo no merme a xeración económica e laboral do turismo en ambos territorios.

Cañón e Leiva consideran ademais que unha posible taxa turística “debería reverter exclusivamente en fins que busquen a sostibilidade turística para garantir a prestación dos servizos municipais e para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, que son o máis importante” e advirten de que os intentos dos respectivos gobernos locais “pasan máis ben por financiarse en termos xerais para tratar de tapar a súa mala xestión económica e que ten ás tesourerías municipais do Grove e da Illa completamente afogadas”.

Finalmente, lembraron que a Xunta xa regulou esta figura impositiva deixando claro que debe tratarse dunha medida excepcional, posto que estima, atinadamente, que hai outros xeitos menos lesivos de apostar pola desestacionalización e garantir os servizos. “O Goberno galego xa dixo que estaba disposto a analizar cada caso, como sucede en Santiago, onde o BNG aínda mantén outra postura distinta máis, pero que non se percibe unha necesidade xeral de implantar esta taxa de xeito universal. Nós concordamos nisto e non desbotamos que poida haber cambios de escenarios no futuro, pero agora mesmo o sector dos nosos concellos non está pola labor e teñen o noso apoio, sobre todo cando os dous gobernos locais só buscan un afán recadatorio co que prexudicar, en principio, aos centos de veciños que viven e traballo do turismo nos nosos territorios”, concluíron.