O PP da Illa denuncia a división no bipartito polas restriccións de tráfico e critica que un grupo minoritario como o PSOE impoña o seu criterio á maioría social coa covardía do BNG

Sábado, 14 de febreiro de 2026

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de denunciar a importante división e as fortes discrepancias existentes no seo do bipartito PSOE-BNG polas restriccións en materia de tráfico que están vixentes desde o ano pasado e critica abertamente que un grupo minoritario como o PSOE, que foi votado por menos de 1.000 veciños e representa a menos do 29% da cidadanía, impoña o seu criterio fronte ao que pensa a maioría social e o faga coa permisibilidade dun BNG ao que acusou de “absoluta covardía”.

“A democracia e o desenvolvemento do noso pobo non pasan polo que decida un partido con 3 concelleiros dos 11 que ten a corporación e cun alcalde actuando como visionario para implantar un sistema de tráfico que é rexeitado pola inmensa maioría dos arousáns, como ben sabe o BNG, que nunca valorou positivamente en público a medida e que pasa no tema de perfil para non perder máis apoios, pero que é cómplice da desfeita só para manter as súas cadeiras no goberno”, sinalou o voceiro popular, Matías Cañón.

Para o PP illeño, estas diferenzas volveron quedar patentes no pleno extraordinario esta semana, co alcalde defendendo a capa e espada un sistema que “aposta pola bunkerización e por converter á Illa nunha secta” e cun Bloque asegurando que o seu modelo é outro e falando extemporáneamente de Pontevedra e Allariz. “Todos os concellos son especiais e teñen as súas características, pero no caso do noso aínda máis, somos únicos, porque somos unha illa e as solucións non pasan polas dunha cidade capital de provincia nin polas dun concello rural de interior”, aseverou o edil popular

O voceiro considera que estas diverxencias e a imposición do criterio dunha minoría xeran “unha situación inaudita” por moito que as competencias en materia de tráfico estean en mans da Alcaldía, porque entende que non se pode activar un sistema tan restritivo, radical e prexudicial para a socioeconomía da vila sen un acordo, xa non global como debería ser, senón nin sequera no seo do executivo.

Por outra banda, Matías Cañón insistiu na necesidade de adoptar medidas de tráfico e sobre todo de aparcamento a prol dos veciños da Illa e cre que hai alternativas para debater entre todos “para beneficiar aos veciños e non prexudicar a ninguén, que é o que sucede agora con importantes danos directos sobre comercios, negocios e hostalería”.

Neste senso, concretou que hai ideas para falar “que non son o noso programa, que quede claro, pero si que son propostas para o debate”, como a creación de aparcadoiros só para residentes con bolardos móbiles manexados por tarxetas, a apertura dalgunha rúa para desconxestionar ou a ampliación dalgunha xa existente, unha análise dos sentidos dos viais e incluso do futuro da rúa Castelao ou entender que, calquera medida un pouco máis restritiva, só debería limitarse aos dous meses do verán, que é realmente cando hai certas dificultades, xa que o resto do ano estas prohibicións provocan que a vila quede deserta.

Finalmente, Cañón engadíu que, tras falar con moitos veciños e xente de fóra que quere ben á Illa, non se teñen detectado excesivos problemas nin durante na época estival agás nun só caso, que é o da ponte e que non ten fácil solución. “A determinadas horas no verán hai fortes atascos na ponte, pero iso non pasa só na Illa, pasa na autovía do Morrazo e da Lanzada, pasa en Pontevedra na Feira Franca ou as Peregrinas e pasa en Madrid cando volven das vacacións, non é algo exclusivamente noso”, detallou o voceiro popular.