O PP da Illa critica que os Orzamentos 2026 sigan medrando a presión fiscal e retrasen de novo o pavillón de Testos, que non será unha realidade nin este ano nin tampouco en 2027
Xoves, 5 de marzo de 2026.-
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de facer unha valoración moi negativa do proxecto de Orzamentos Municipais 2026, que o goberno bipartito levará mañá á súa aprobación en pleno, xa que criticou que este proxecto económico segue medrando fortemente a presión fiscal “no marco do afán recadatorio do executivo sobre os petos dos veciños” e deixa claro un novo retraso do futuro e ansiado pavillón de Testos, que advirten que non será unha realidade nin este ano nin tampouco en 2027.
Os populares indicaron que os ingresos por impostos e taxas volven medrar en case un 14% ata os 2,8 millóns de euros, “o que reflicte o ánimo de PSOE e BNG de seguir esquilmando aos veciños”, xa que a recadación aumenta en 326.000 euros con respecto ao ano 2025. Froito disto, a presión fiscal sube de 506,2 euros a 577,9 euros por habitante, “o que supón unha cifra brutal e é a máis alta de entre todos os concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes”.
A formación liderada por Matías Cañón cre que, precisamente por isto, o goberno bipartito non debía saír a presumir por presentar os orzamentos máis altos da historia, “xa que, en primeiro lugar, é algo que está a pasar na práctica totalidade dos concellos e, ademais, faise a costa de cargar sen límite os impostos e as taxas aos veciños, algo que levamos sufrindo todo o mandato e que parece non ter fin, xa que nunca se calman as ansias fiscais do goberno”. Neste contexto, o PP illeño recalcou que o bipartito deixa ben ás claras que pretende “seguir esquilmando” con multas de tráfico á xente, moitos deles veciños da Illa, xa que a recadación prevista, de 579.162 euros, é un auténtico récord, “aínda que moito nos tememos de que se quede curta e sexa aínda moito máis elevada, tal e como pasou en 2025”.
Para os populares, outro aspecto destacado dos orzamentos son os investimentos, que se sitúan en 1.078.020 euros, pero dos que 816.000 son para a expropiación de terreos en Testos, “polo que para todas as necesidades de vías, alumeado e servizos apenas quedarán pouco máis de 250.000 euros, unha cantidade totalmente insuficiente para atender ao concello”.
Polo demais, Matías Cañón tamén se referíu especificamente ao proxecto do novo pavillón sinalando que o PSOE “leva vinte anos prometendo esta necesaria instalación e imos seguir sen ela”, xa que polo momento van intentar conseguir unha superficie de 43.000 metros cadrados en Testos “simplemente porque a Deputación lles paga integramente os 816.000 euros nos que estiman a adquisición dos mesmos”. En todo caso, o voceiro popular cre que este proceso “chega moi tarde e vai seguir tardando, xa que, dado que van optar pola expropiación, seguirase adiando todo este proceso e, por conseguinte, o pavillón”.
“Optan pola expropiación, que temos moitas dúbidas de que sexan capaces de sacala adiante, para pagarlles menos aos veciños e para seguir mareando a perdiz. Pero é que, en caso de culminarse, eles mesmos dixeron que comezarían coa redacción do proxecto e que logo hablarían con outras administracións para conseguir o financiamento para o pavillón, polo que o que recolle este orzamento é, basicamente, máis do mesmo e haberá que seguir esperando anos e anos”, concluíu o edil.