O PP da Illa critica o plante institucional do BNG na visita da Deputación desta semana pola presenza de Matías Cañón e úrxelle ao bipartito que actúe con unidade e respecto
Sábado, 23 de agosto de 2025 .-
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de criticar o “feo plante institucional” dos representantes do BNG na visita cursada esta semana pola Deputación de Pontevedra, a través de Marcos Guisasola, para anunciar o financiamento para a obra nas antigas casas dos mestres do CEIP Torre-A Illa e achacaron dita situación á presenza en dito acto do voceiro popular, Matías Cañón.
O PP cre que os feitos foron “surrealistas” e deixan ben ás claras o “sectarismo” do Bloque “que nin entende nin respecta a democracia nin a representatividade, porque, se ben é certo que os seus edís forman parte do goberno, tamén o é que o PP é o partido de longo máis votado, que representa a máis veciños e que encabeza unha oposición e unha alternativa de goberno lexítima que non vai estar agochada nun caixón por moito que iso sexa o que lle apeteza ao BNG”.
Os populares explicaron que a visita contou coa presenza do citado deputado, do alcalde, Luis Arosa, e de Matías Cañón e que, á mesma, acudiron o voceiro nacionalista, Manuel Suárez, e outro compañeiro, que decidiron dar volta e non tomar parte da mesma para expresar o seu malestar pola presenza do edil popular.
Ante esta situación, o PP da Illa reclamoulle ao alcalde que “poña orde e dea os toques de atención correspondentes” para que os membros do seu goberno, aínda que sexan do BNG, “se comporten como adultos e manteñan o correspondente respecto institucional, porque a verdade é que o deputado provincial non ten que aguantar estes desplantes e debeu marchar alucinado”. “Temos un alcalde feble, que non se atreve a liderar o Concello, como xa demostrou moitas veces fronte a posturas moi tristes do BNG, pero urxímoslle a que o seu bipartito actúe con unidade de acción e respecto”, manifestaron os populares illeños.
“Aínda que non lle guste ao Bloque, ten que empezar a entender e respectar ás demais forzas políticas, a todas, que son tan válidas como a súa. E o PP na Illa representante a moitos veciños, case 1.500, que son bastantes máis que os que votaron ao BNG, que non esquezamos que son a última forza política do pobo. Polo tanto, xa lles adiantamos que, como debe ser, imos estar sempre nos actos da Xunta e da Deputación, ou de calquera administración que nos convide, sempre que nolo permita o noso traballo, xa que consideramos que é a nosa obriga de representatividade e ademais temos dereitos a saber que se fai na Illa”, indicaron.
Finalmente, o PP engadíu que a crítica política, as diferentes visións do futuro do Concello e as diverxencias ideolóxicas, “que as hai entre outros tres grupos e non pasa nada, porque é san e enriquece o desenvolvemento da Illa”, non debe estar reñidas nin confudirse co respecto institucional e cunhas mínimas normas de educación, “porque por riba de todo, e máis alá das grandes diferenzas, todos somos veciños e debemos dar exemplo de convivencia e harmonía cara a sociedade da Illa”.