O PP da Illa critica a xestión ineficaz do bipartito na reparación do alumeado público despois de que algunhas zonas leven máis de tres semanas sen este servizo
Sábado, 7 de xaneiro de 2026.-
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de criticar a xestión absolutamente ineficaz do goberno bipartito dirixido por Luis Arosa na reparación do alumeado público danado polas tormentas e os temporais, xa que algunhas zonas do concello levan máis de tres semanas sen este servizo sen que se lle dea resposta e solución desde o executivo local.
Os populares revelaron que os problemas comezaron o pasado 16 de xaneiro coa caída dun raio que afectou ao alumeado público de contornas como Os Carballos, O Charco ou Testos –que recuperou a iluminación esta semana– , entre outras. Durante este tempo, desde o PP local entendeuse a situación ao tratarse dunha situación extraordinaria e optouse pola prudencia e por apoiar e deixar traballar ao goberno municipal, “pero chega un punto en que isto xa é inadmisible, porque non poden ser que diversos lugares leven xa 22 días sen alumeado”.
A formación liderada por Matías Cañón cre que o bipartito está “totalmente superado” froito da súa incapacidade e por iso recurre a xustificacións surrealistas, como as feitas polo alcalde falando da falta de stock nas pezas de reparación ou as realizadas polo voceiro do BNG esta mesma semana dicindo que cada día descubrían novas zonas afectadas.
“Todos os concellos da provincia de Pontevedra estamos a vernos afectados bastante por estes fortes temporais, pero é na Illa onde máis sufrimos as consecuencias, porque o goberno non sabe como solucionar os problemas. Hai concellos onde se foi a luz, perderon cobertura de telefonía e Internet, tiveron avarías nas redes de servizos ou viron gravemente afectadas as súas infraestruturas, pero nun par de días xa o tiñan solucionado, aínda que sexa de xeito provisional, e mentres tanto na Arousa padecemos as consecuencias deste desgoberno porque non se pode consentir que vaiamos para un mes sen luz pública, cos seus efectos prexudiciais en materia de seguridade viaria, e que non saiban como solucionalo”, lamentou Matías Cañón, que tamén se preguntou cal é o estado actual dos cinco bombeos de augas residuais danados e o risco de vertidos.
Finalmente, o voceiro popular lamentou que, ante esta situación que afecta gravemente ao día a día dos illeños, o alcalde pedise auxilio aos seus compañeiros do PSOE para facer unha comparecencia reclamando cartos en axudas á Xunta e á Deputación “cando durante todos estes días estivo dicindo que o problema era o stock das pezas, non o diñeiro, que debe ter de sobra despois de todas as subas de impostos que lle meteu aos veciños neste mandato”.