O PP da Illa confirma o “rotundo fracaso” do Bus Circular cunha cifra media de 1,7 pasaxeiros por viaxe e lamenta que se dilapidaran 18.000 euros de fondos públicos

Xoves, 20 de novembro de 2025.-

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de confirmar o “anunciado rotundo fracaso” do Bus Circular posto en marcha polo Concello na época estival para tentar paliar o malestar polas fortes restriccións de tráfico do centro urbano, xa que, segundo os datos oficiais, a iniciativa rexistrou unha media de 1,7 pasaxeiros por viaxe. Ademais, os populares lamentaron que este servizo municipal dilapidara, como consecuencia do seu déficit, case 18.000 euros de fondos públicos.

A formación liderada por Matías Cañón calificou de “irrisorias e rídiculas” as cifras de usuarios deste autobús, xa que foron un total de 965 malia que se realizaron un total de 558 viaxes. Así, cómpre lembrar que este Bus Circular operou nove frecuencias por xornada -entre as 15.45 e as 19.45 horas con pases cada media hora- durante os 62 días comprendidos entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, polo que a cifra media por cada traslado non chega nin a dous viaxeiros.

“Non facía falta pensar moito para prever que esta iniciativa non ía calar entre a xente, nin entre os veciños da Illa nin entre os que veñen de fóra, que loxicamente non está dispostos a agardar polo autobús e pola viaxe coas correspondentes paradas, o que supón entre 30 e 60 minutos, cando co seu vehículo poden chegar a calquera punto da Illa en menos de dez minutos”, explicou Cañón, que lembrou que desde o PP xa advertiron que este servizo “ía ser un fiasco que imos pagar todos os veciños”. Ademais, criticou que o alcalde, Luis Arousa, non fixera caso das advertencias e incluso, durante o verán, fachendábase de que o autobús estaba sendo un éxito.

Ademais, o PP da Illa tamén lamentaron que o rexedor local siga teimando na súa intención de persistir durante os próximos anos nunha “iniciativa fallida e sen visos de futuro” malia o fracaso deste ano e engadiron que os anunciados cambios que pretende introducir para a súa mellora e para favorecer o uso do Bus Circular “non van funcionar, sexan cales sexan, porque non ten unha variña máxica agás que afonde na súa política de prohibicións que non nos leva a ningures e que ten afogados ao comercio e a hostalería”.

Finalmente, os populares arousáns tamén lle afearon ao alcalde que insista nas súas políticas fallidas a costa dos cartos dos veciños, xa que califican de grave que se tiraran 18.000 euros de diñeiro público neste servizo tras recadar só 1.337 euros en pasaxes e se gastaran 18.890 euros na súa posta en marcha. “Xogan cos fondos dos veciños como se sobraran e non houbera cousas de sobra para mellorar a calidade de vida da xente e ademais xa parece que teñen isto por norma, porque o Concello tamén ten que pagar 8.000 euros pola condena do caso do ex xefe da Policía Local”, concluíu Cañón.