O PP da Illa califica de insuficiente o investimento de rehabilitación das casas dos mestres do Torre-Illa e solicita que se amplíe para mellorar o inmoble en condicións
Sábado, 23 de maio de 2026
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de calificar de insuficiente o investimento e o proxecto de rehabilitación das antigas casas dos mestres do CEIP Torre-Illa, cuxas obras veñen de ser iniciadas polo Concello, e solicita que se amplíe a dotación orzamentaria para poder mellorar o inmoble nas mellores condicións.
Os populares lembraron que a actuación deseñada polo goberno local é “moi cativa” en base ao investimento establecido de 150.000 euros e ademais estaba demasiado axustado, como quedou demostrado cando as dúas primeiras licitacións quedaron desertas. Finalmente, a mellora conseguíu ser adxudicada ao terceiro intento, mantendo a citada contía, o que para o PP local vén a ser unha demostración da mínima actuación que se prevé para convertelas en comedor escolar e noutros espazos para usos educativos complementarios.
“Tal e como están os custes dos materiais, a enorme carga de traballo das construtoras, que fai que suban os prezos, e a superficie das catro vivendas que se van rehabilitar, danos a sensación de que ese diñeiro, tristemente, chega para ben pouco e dado que, tras anos de agarda para rehabilitar ese espazo, o bipartito podía terse estirado un pouco máis, porque ao mellor en pouco tempo hai que refacer o recinto e aínda gastarían máis cartos”, manifestou o voceiro municipal, Matías Cañón.
Ademais, os populares da Arousa consideran que o goberno local non ten o “comodín” da excusa habitual da falta de fondos, xa que “pode aproveitar que a Deputación está a remitir moitísimo diñeiro ao Concello”, e lembraron que é o propio organismo provincial o que financia esta obra nas antigas casas dos mestres ao abeiro do Plan +Provincia 2025.
O PP, que agarda que desta volta se cumpran os prazos de execución “non como sucede habitualmente na Illa” para que o comedor escolar estea listo antes do próximo curso, reclamou, ademais de abordar a posibilidade de ampliar esta actuación, unha “maior amplitude de miras” do executivo municipal para o proxecto de arranxo das outras catro vivendas pendentes en caso de que finalmente completen a tramitación e se decidan a levalo adiante para completar a remodelación deste complexo.