O PP da Illa alerta de que os cambios de tráfico recollen medidas ineficientes e prexudiciais para os veciños e critica a contradicción de ter tomadas decisións e agora anunciar un estudo

Sábado, 29 de marzo de 2025 .-

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de alertar de que os cambios de tráfico que anda barallando o goberno bipartito recollen medidas “ineficientes e prexudiciais” para os veciños, principalmente polas restriccións de circulación e os sistemas de regulación do aparcamento, e ademais critica as contradiccións de anunciar diversas decisións e agora, uns días despois, anunciar un estudo de mobilidade do concello.

Os populares cren que o goberno municipal “está construíndo a casa polo tellado” en materia de tráfico e solicitan información clara para toda a cidadanía e a constitución dunha comisión multilateral, con todos os partidos políticos, comerciantes hostaleiros e veciños”, para tomar decisións que afectan a todo o pobo, xa que lembraron que a anterior experiencia nesta materia por parte dos actuais rectores “acabou cun interminable e desesperante rodeo que temos que dar para chegar ao centro da vila e o porto de Xufre”.

O PP da Illa indicou que o goberno xa anunciou os buses lanzadeiras desde O Bao para tratar de desconxestionar o tráfico, aínda que dubidan da súa efectividade “xa que non sabemos a motivación que terá a xente de fóra para deixar o coche e coller este transporte”; a implantación dunha zona azul só para foráneos e a aplicación de restriccións de circulación en certas rúas, para o cal incluso reservou unha partida de 18.000 euros, “o que quere dicir que é algo que se vai facer”.

Sen embargo, a formación liderada por Matías Cañón non entende porque esta semana, despois destes anuncios, se comunica a realización dun estudo de tráfico e mobilidade “porque se supón, por sentido común, que isto tiña que estar feito antes de adoptar estas decisións”.

A favor de cambios consensuados a prol dos veciños

O PP da Illa quixo deixar claro que está a favor de adoptar cambios consensuados que desconxestionen o tráfico do municipio, que alivien a presenza de vehículos de xente de fóra e que supoñan unha mobilidade máis áxil e favorable para os veciños, pero considera que o goberno local “está a adoptar medidas erráticas nun tema sensible, non un plan claro, posiblemente porque hai que conxugar as ideas de PSOE e BNG, e non está disposto a que o falems entre todos”.

Neste senso, e incidindo nas dúbidas que lle esperta o anunciado polo bipartito, os populares sinalaron que non teñen claro que o colapso en Area de Secada durante o verán “se vaia a corrixir coa implantación dunha zona azul, xa que moitos illeños chegarán á hora que sexa e, aínda que non teñan que pagar taxas ou multas, que é algo que falta por aclarar, segundo o dito polo goberno, non terán sitio para aparcar os seus coches”.

O PP insiste na necesidade de que se aporte información, “xa que o incremento previsto de 63.000 euros máis en recadación en multas de tráfico non apunta a nada bo para os veciños”, polo que insistíu en que as cousas se deben facer con “sentidiño” e tende a man para acordar un plan que esperte un consenso xeralizado.