O PP da Illa agarda explicacións reais e a depuración de responsabilidades no pleno extraordinario pola filtración dos seus datos e que foi fixado para o xoves 11
Sábado, 6 de decembro de 2025
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de ser convocado para o pleno extraordinario impulsado pola propia formación pola filtración dos seus datos persoais e a vulneración da súa privacidade a unha persoa allea ao Concello, xa que a sesión quedou fixada para o xoves 11 ás 13.00 horas. Na mesma, agardan recibir explicacións reais “lonxe das xustificacións infantís destes días tan propias do bipartito que sufrimos” e a depuración de responsabilidades políticas por parte da persoa que revelou os seus enderezos electrónicos fóra da cadea de custodia da administración local.
Os populares cren que o executivo municipal “foi pillado na allada” e, ante iso, deu unha explicación que consideran un “insulto á intelixencia”, posto que a resolución emitada sinala que houbo unha fenda de seguridade na protección de datos do Concello que se limitou aos cinco enderezos electrónicos dos edís do PP e que xa está controlada. “Estanse a rir de nós e da xente porque non houbo ningunha fenda como se un hacker dun país lonxano conseguise os nosos correos, o que houbo foi alguén do goberno que lle facilitou os nosos mails a unha persoa que non é concelleira para que nos enviase os convites aos actos do 25N e iso non se pode facer en ningún caso”, manifestou o voceiro municipal, Matías Cañón, que cre que a clave de todo isto non é o que pasou, que está claro, senón “saber a identidade da persoa que facilitou os nosos correos ilegalmente”.
Ademais, o PP da Illa tamén se interesará na sesión polos motivos polos que Lidia Barreiro, previsible futura edil do BNG en substitución da expulsada Elena Otero que marchou por presións do seu partido, lles remitiu o convite dos actos municipais ás direccións filtradas vulnerando a súa privacidade cando aínda non tomou posesión do cargo, o que consideran que é unha usurpación de funcións e unha arrogación irregular da representatividade pública. “Non sei que présa tiñan en promocionar á súa futura concelleira, pero en todo caso é interesante saber se Lidia Barreiro leva actuando todo este tempo como edil sen selo”, apostillou o voceiro popular.
“Os feitos poden parecer pouca cousa, pero o que demostran é algo moi grave, que é o que bipartito manexa o Concello sen ningún respecto pola lei, polas formas, pola institución e polos veciños como se fose o seu cortijo e iso trasládase a todo o seu funcionamento, polo que case nada sae ben”, sinalou Cañón, que calificou de “surrealista” que o voceiro do BNG, Manuel Suárez, criticase a convocatoria do pleno extraordinario “en vez de ir ao importante e dicir que vulnerou a privacidade e os nosos dereitos como concelleiros”. “Suárez vai de demócrata, pero só lle importa a democracia e o respecto para el, para nós e para os que non pensamos coma el actúa de maneira totalmente ditatorial e autoritaria e considera que non temos dereitos e iso ten un nome”, concluíu.