O PP da Illa aféalle ao alcalde que mentise na sentenza polo caso do ex xefe da Policía Local dando unha versión parcial e esíxelle ao PSOE local que pague os 8.000 euros da condena

Sábado, 15 de novembro de 2025 .

O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de afearlle ao alcalde socialista, Luis Arosa, que mentise descaradamente na información facilitada tras a sentenza xudicial polo caso do presunto acoso laboral denunciado polo ex xefe da Policía Local, xa que considera que quedou demostrado que deu unha versión parcial e sesgada da resolución do tribunal “que é o peor que se pode facer nestes casos e que supón a maior mentira de todas porque ocultou un feito indiscutible, que é que o Concello da Illa foi condenado”.

Os populares calificaron de “lamentable” o comunicado de Luis Arosa sacando peito pola súa absolución, cando, como di a sentenza, non se entraron a dirimir os feitos que lle afectan directamente por cuestións de competencia. “É certo que non o condenan, pero en ningún momento o fallo xudicial di que el non cometera ningunha irregularidade, simplemente non entra a valorar a situación”, explicaron desde o PP, que criticaron duramente a “total falta de transparencia do alcalde, xa que vendeu como unha absolución o que foi un desentendemento xudicial sobre a súa actuación e ocultou a sabendas a condena”.

O PP local esíxelle ao rexedor que dea explicacións públicas sobre o fallo, xa que a administración local, da man do anterior goberno socialista do que formaba parte como concelleiro, foi considerada culpable de non aplicar o protocolo antiacoso polos feitos denunciados polo ex xefe da Policía Local, ao que lle terá que pagar 8.000 euros, e o propio Arosa escondeu esta parte da resolución. “Non debe ter a conciencia moi tranquila cando non deu a coñecer todo o contido da sentenza”, engadiron desde o PP.

Ademais, os populares queren esixirlle ao PSOE local ou a todos os socialistas que formaban parte do anterior executivo municipal que paguen dos seus petos os 8.000 euros da condena, “xa que consideramos que pola súa actuación irregular e neglixente os veciños non teñen que abonar esta cantidade, ás que haberá que engadir as costas xudiciais, xa que a mesma podería destinarse a servizos e investimentos municipais que tanto necesitamos”.

Finalmente, a formación liderada por Matías Cañón considera que o alcalde só pretendeu “lavar a súa imaxe” nun momento no que a súa figura está bastante en cuestión cunha primeira valoración excesivamente triunfalista e trufada de falsidades, “pero o que fixo en realidade foi faltarlle ao respecto aos veciños por mentirlles cunha información sesgada e xogar co traballo dos medios de comunicación”.