O PP da Illa advirte de que a elevadísima cifra de multas co novo plan de tráfico demostra que o sistema falla e esixe transparencia ao bipartito coa millonaria recadación
Sábado, 5 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de advertir de que a elevadísima cifra de multas –un total de 9.332 só no segundo semestre de 2025– impostas co novo plan de tráfico cheo de restriccións demostran que o sistema falla, “xa que non ten sentido que tanta xente se estea a saltar as normas, malia que non estamos de acordo con moitas delas pola sua afección aos nosos sectores económicos, ou que haxa tantísimos condutores que non vexan as sinais”.
Os populares calificaron de “esaxerada” a imposición de case 10.000 sancións por circular por rúas restrinxidas só en medio ano, polo que lle solicitan ao bipartito que “se lle dea unha pensada” e se revise a sinalización, a elección de viais limitados e o formato en xeral.
Neste senso, desde o PP recalcaron a súa aposta por un modelo que permita a libre circulación da xente de fóra, “xa que non hai problemas de tráfico máis alá da ponte en horas punta e beneficiaría ao comercio, a hostalería e o turismo”, e a habilitación de prazas e zonas de aparcamento no centro da vila exclusivamente para os veciños da Illa, “que é precisamente no estacionamento no que teñen problemas cando vén moita xente e que, deste xeito, se verían directamente beneficiados”.
Por outra banda, e co gallo da aprobación da Conta Xeral de 2025 no pleno celebrado onte, os populares veñen de esixir transparencia ao bipartito pola millonaria recadación, cifrada en 1.865.180 euros polas citadas 9.332 multas do segundo semestre do ano pasado.
“Cremos que deberían recollerse estes dereitos recoñecidos de pago na liquidación de 2025, pero o goberno alega que só poden contabilizarse cando se cobren e aínda están nese proceso, pero máis alá de tecnicismos e de que cremos que ocultan o dato por cuestións electorais, queremos pedirlles que dean os datos e que non teñan medio a dicir a verdade e a facelos público, porque a realidade é que preguntamos moitas veces en pleno e pedimos a documentación e sempre poñen excusas e agochan a realidade por medo á reacción social e a que se vexa que o seu sistema é exclusivamente recadatorio”, manfestou o vicevoceiro do PP, Miguel Paz.
O concelleiro popular tamén cuestionou o destino destes 1,8 millóns de euros das multas, “que é unha cantidade importantísima para o orzamento da Illa e, desde logo, non se ven por ningures nin os veciños os notan en nada”. Ao respecto, acusou ao alcalde de agochar reiteradamente a cifra sempre que pode “para evitar alarma social e un maior enfado” dos sectores económicos da Illa, “que están a verse moi prexudicados, non tanto nos dous meses do verán como os dez restantes do ano, e que seguen a protestar con cartaces colgados nos escaparates dos seus establecementos”.