O PP da Illa acusa ao PSOE de mentir sobre a súa postura na suposta compra da vivenda de Marcial Dorado e insiste en priorizar equipamentos públicos agardados hai anos
Sábado, 10 de xaneiro de 2026 .-
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de acusar ao PSOE, nomeadamente ao alcalde Luis Arosa e á parlamentaria Paloma Castro, de mentir a sabendas sobre a postura popular en torno á suposta operación de compra da antiga vivenda de Marcial Dorado, en mans do Plan Nacional Sobre Drogas, por parte do Concello. En todo caso, e máis alá de lamentar os intentos de terxiversación por parte dos socialistas, os populares insisten que o Concello debería priorizar os seus fondos en executar e poñer ao servizo dos arousáns os numerosos e necesarios equipamentos públicos agardados e comprometidos hai anos que distan moito de ser unha realidade.
“É curioso que o PSOE, nunha fuxida cara adiante sen ningún sentido tanto na Illa como no resto de Galicia, pida explicacións a Política Social sobre a nosa postura en torno a esa vivenda, porque unha cousa é a Xunta e outra o PP da Illa, e ademais que o faga mentindo de xeito vergoñento sobre o que nos dixemos. Como damos por sentado que saben ler, o único que cabe neste caso é unha absoluta mala fe, froito da desesperación, pola súa parte”, sinalaron os populares.
O PP da Illa reiterou unha vez máis que considera “totalmente errada” a postura do alcalde de priorizar certas actuacións e compras “que semellan só server para construír castelos no ar” en vez de adicar de xeito prioritario os recursos do Concello a dotar aos veciños de servizos e equipamentos que os socialistas levan prometendo –e incumprindo– durante décadas e que serían fundamentais para aumentar a calidade de vida da xente, como o pavillón ou o centro de día, por só citar os máis demandados polos illeños.
“Nunca nos opuxemos a que a citada vivenda de Marcial Dorado que está en mans do Estado se destinase a residencia pública, aínda que cremos que arquitectonicamente é imposible, senón que defendemos que os recursos do Concello, que sempre se queixan de que son poucos, deberían destinarse a infraestruturas máis necesarias antes que a mercar unha mansión”, apostillaron desde o PP, que tamén recalcaron que a reconversión desa casa nun xeriátrico “posiblemente sería bastante máis custosa, pola operación de compra e todas as obras de adaptación, que construír unha residencia nova e máis funcional desde cero”.
Finalmente, o PP da Illa considera que os socialistas locais e galegos están inmersos nunha “carreira aloucada chea de mentiras e de fume pola desesperación que lles xurde ante a forte perda de apoio social” e convidáronnos a ser útiles reclamándolle ao Estado que ceda gratuítamente esa vivenda ao Concello: “Se esa casa é tan simbólica como di o alcalde, o Goberno de España debería ter un xesto co pobo da Illa por tantos anos de sufrimento e doala para o seu uso público, como xa pasou noutros casos, pero en vez diso prefire seguir facendo negocio con Luis Arosa, que é o seu mellor cliente”.