O PP da Illa acusa ao bipartito de agocharse tras o contencioso das vivendas turísticas polas taxas para non devolverlles o cobrado de máis malia que recoñeceu que foi un erro
Sábado, 21 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de acusar ao bipartito, e principalmente ao tenente de alcalde, o nacionalista Manuel Suárez, de agocharse tras o recurso contencioso dos propietarios das Vivendas de Uso Turístico (VUT) polas desorbitadas e inxustas taxas do saneamento e a recollida de lixo para non devolverlles os cartos cobrados de máis por estes conceptos malia que o propio edil do BNG admitíu o pasado setembro, en sesión plenaria, que foi un erro.
Os populares lamentaron que o concelleiro do Bloque lles interpele polo arquivo desta causa cando a mesma foi presentada pola asociación Aviturga, que aglutina a meirande parte dos propietarios, e cando ademais “é unha simple estratexia que emprega co obxectivo de sacar algún rédito electoral porque os veciños estanlle escapando e tamén para desviar a atención, xa que os 229 donos das vivendas turísticas da Illa son veciños nosos que teñen toda a razón do mundo, como el mesmo admitíu cando dixo que se trabucaron na categoría na elaboración da ordenanza e das conseguintes taxas”.
O PP instou ao goberno local a cumprir co seu compromiso, aclarando que, en primeira instancia, nunca falaron de devolverlles os cartos cobrados de máis por estes impostos, senón de compensarlle a cantidade ao ano seguinte, é dicir, no presente 2025 e ademais concretaron que sería no mes de xaneiro. “Se aínda non compensaron estas taxas, que é unha fórmula de devolverlles os cartos, aínda que sexa tarde, haberá que preguntarse porqué”, sinalou o voceiro, Matías Cañón, que engadiu que o recurso contencioso “non ten nada que ver con isto se realmente o concelleiro do BNG fose sincero e coherente, porque se admitíu que foi un erro e que se lles cobrou de máis ten que devolverlles o diñeiro”.
Ademais, o concelleiro insistiu en que os propietarios das máis de 200 VUT da Illa “non son grandes bancos nin empresarios nin fondos de investimentos, son veciños de a pé, que traballaron, se esforzaron e aforraron para mercar unha casiña ou un piso e que só queren rendibilizar un pouco a aposta que fixeron polo seu propio concello”.
Finalmente, Cañón destacou que o polémico caso das vivendas turísticas é un exemplo máis de que na Illa hai dous modelos de facer política, o do bipartito baseado na imposición, que tamén se aprecia no caso das restricións de tráfico, é do diálogo do PP: “Nós somos diferentes e, fronte a política de rodiño e confrontación da esquerda para molestar a todo o pobo, imos apostar sempre por falar coa xente e cos colectivos para chegar a acordos beneficiosos para todos”.