O PP da Illa acusa ao alcalde de mentir sobre as súas propostas de tráfico e insiste na necesidade de facer cambios na circulación do centro para evitar rodeos eternos aos veciños
Sábado, 6 de xuño de 2026
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de acusar ao alcalde, Luis Arosa, de mentir sobre as propostas populares en materia de tráfico e mobilidade –en referencia á falsa acusación de querer devolver 6.000 vehículos, unha cifra que non cre nin el a maior parte do ano, ao centro urbano–, pero insiste na necesidade de facer cambios na circulación de certas rúas para evitar rodeos eternos e interminables aos veciños.
Neste senso, os populares lembraron que, cando se asinou o convenio de humanización da Avenida Castelao coa Deputación no ano 2021, amosaron o seu apoio a esta proposta, pero emitiron unha abstención xa que recalcaron que era fundamental que non se pechase o desvío das inmediacións co Cachopo para acceder á contorna do Xufre, posto que sen esta medida, desbotada polo PSOE, os veciños terían que facer un percorrido moi longo polo Lagartiño ou Cabodeiro.
Por aquel entón, o PP defendeu, e mantén esta mesma proposta na actualidade, a necesidade de facer de dobre sentido o treito de 160 metros entre Cachopo e O Piorno, cun pequeno ensanchamento para permitir o paso simultáneo de vehículos, co obxectivo de facilitarlle o acceso aos veciños a Xufre sen prexudicar o aspecto peonil e humanizado da Avenida Castelao.
“O que ten vixente o goberno socialista provoca que os veciños perdan bastantes minutos para acceder á zona do Xufre, xera un maior gasto e unha maior contaminación por parte dos vehículos e carece de todo sentido cando hai unha alternativa que non afecta para nada a Castelao, pero neste tema levan actuando durante estes cinco anos cunha absoluta pechazón”, manifestou o voceiro, Matías Cañón, que tamén lembrou que outra das queixas do PP centrouse na transferencia da citada avenida da Deputación ao Concello, xa que implica que, desde aquela, calquera obra teña que ser asumida polas arcas municipais en vez de polo organismo provincial.
O voceiro popular indicou que a inmensa maioría dos veciños defenden este cambio no Cachopo, aínda que admitíu que algúns poden non estar de acordo, “porque, a diferenza do goberno, nos escoitamos a todos os veciños e tentamos entender as distintas opinións”, pero en todo caso insistíu en que é a solución máis operativa para o tráfico do centro.
Finalmente, esixiulle ao alcalde que se adique a traballar en vez de encargar a alguén que lle escriba un artigo de opinión con falsas acusacións: “Luis Arosa pasou de estar crecidiño coas súas medidas de tráfico antes de que a realidade llas estampara nas narices a cambiar de estratexia polo enfado de gran parte dos veciños e pasar a faltar á verdade sobre as propostas do PP, incluso con fotos enganosas de autobuses. Nós non queremos tráfico pesado no centro, pero a nós guíanos o sentido común e as direccións das rúas poden mellorarse para facilitarlle a vida aos veciños”.