O PP da Caniza responsabiliza ao alcalde da “errática estratexia e errados investimentos” no abastecemento de auga e cúlpao de ter ao Concello con fortes restriccións
A Caniza, 23 de xullo de 2026.-
O grupo municipal do PP da Caniza vén de responsabilizar ao alcalde, Luis Piña, de despregar unha “errática estratexia e errados investimentos” nas infraestruturas de abastecemento de auga que teñen derivado en fortes problemas de subministración, agravados pola falta dun plan para solucionar esta situación con urxencia, e de ter a todo o concello con fortes restriccións no consumo dun servizo básico.
Os populares denunciaron que as políticas do goberno socialista para tentar mellorar o abastecemento tiveron o efecto contrario pola súa incompetencia, xa que nestes anos construíronse tres pozos para tratar de reforzar o servizo, “pero obviamente non se fixeron coas garantías e os estudos axeitados, posto que a realidade é que, despois de realizar investimentos nesta materia, estamos na peor situación da historia”, segundo detallou a voceira municipal, Pilar Vicente.
A concelleira do PP engadíu que, dado que os novos sistemas non funcionaban, procedeuse a un trasvase de auga desde as antigas infraestruturas e esta situación, sumada á falta de mantemento da rede e do depósito municipal, provocaron o vaciado de tres millón de litros en apenas tres días pola falta de resposición. Así mesmo, tamén concretou que a colocación de caudalímetros agravou o problema malia que se lle advertíu dos seus efectos prexudiciais para o servizo.
E para colmo, a edil arremeteu contra a postura do alcalde de tratar de agochar a súa incompetencia en todo o tema do abastecemento facendo ver que a perda dos citados 3.000 metros cúbicos de auga se puido deber a unha falsa sabotaxe e incluso recurríu para elo a unha investigación das forzas de seguridade. “Estamos ante unha situación esperpéntica que causa graves prexuízos aos veciños e fronte á que o alcalde, en vez de dar explicacións e ofrecer solucións, optou por mentirlle á xente”, sinalou, antes de lembrar que os servizos técnicos non detectaron nin fugas nin roturas nin avarías que xustificasen a perda de auga, producido exclusivamente polo consumo e a falta de reposición causada “pola desfeita de infraestruturas artellada estes anos polo goberno socialista”.
Por iso, Pilar Vicente esíxelle a Luis Piña que asuma as súas responsabilidades e dea explicación, principalmente no que se refire ás solucións, xa que considera que non é viable funcionar cunha achega diaria de 100.000 litros a través de cisternas e tampouco que non haxa ningunha posibilidade de recuperar a normalidade alomenos durante un mes.
Finalmente, tamén lle pedíu ao rexedor que aclare se todo este problema xerado pola súa xestión non vai acabar derivado nun proceso de privatización de abastecemento de auga que remataría no conseguinte aumento das taxas que pagan os canicenses.