O PP da Cañiza incorporará a Sonia Álvarez ao grupo municipal en substitución de Cristian Gómez, que presentou a súa renuncia por motivos persoais e profesionais

A Cañiza, 24 de novembro de 2025

O grupo municipal do PP da Cañiza vai incorporar como nova concelleira a Sonia Álvarez Gesteira en substitución do edil Cristian Gómez Mariño, que vén de presentar a súa renuncia á acta municipal por motivos persoais e profesionais, xa que as súas obrigas impídenlle ter unha plena dispoñibilidade e adicación ás tarefas políticas e optou, coa máxima responsabilidade, por deixar o seu posto a unha compañeira coa máxima disposición para representar aos veciños.

Cristian Gómez admitíu a súa pena por ter que abandonar a corporación municipal, “xa que me gustaría continuar, posto que é unha auténtica honra representar aos veciños da Cañiza e traballar polo futuro do noso concello, pero é realmente difícil que poida conciliar as miñas obrigas persoais, familiares, profesionais e políticas e, dado que esta responsabilidade esixe dunha implicación do cen por cen, é mellor dar un paso a un lado e deixar o sitio a unha compañeira que dispoña de máis tempo”.

O edil saínte quixo agradecer a Pilar Vicente a confianza depositada na súa persoa e tamén amosou a súa gratitude polo respecto, respaldo e apoio dos seus compañeiros do PP, ao tempo que extendeu estes parabéns aos demais integrantes da corporación pola súa axuda e recoñecemento.

Finalmente, anunciou que seguirá ligado ao PP da Cañiza colaborará co partido durante o próximo ano e medio para o axeitado desenvolvemento dunha oposición construtiva para o municipio.

No seu lugar incorporarase ao Grupo Popular, tan pronto como cheguen as credenciais da Xunta Electoral e tome posesión no pleno, Sonia Álvarez Gesteira, unha muller moi traballadora, cun gran dinamismo e coa máxima implicación social entre a veciñanza da Cañiza.

Ante estes cambios, a voceira municipal, Pilar Vicente, acompañada por ambos, quixo destacar o “grandísimo traballo” de Cristian Gómez no seo do grupo municipal e a prol do ben común do concello cañicense e lamentou a súa marcha polas súas grandes achegas políticas pero, tras comprender e compartir os seus motivos, amosou a súa ilusión pola incorporación de Sonia Álvarez, “que ten un perfil distinto e vai supoñer un sopro de aire fresco e un impulso importante para o noso proxecto”.