O PP da Cañiza denuncia o mal estado do paseo fluvial do Regueiro e esixe a adopción de medidas de mellora e conservación

A Cañiza, 5 de agosto de 2025.-

O grupo municipal do PP da Cañiza vén de denunciar publicamente no pleno o mal estado xeral que presenta o paseo fluvial da zona do Regueiro e esixíu ao goberno socialista que proceda de inmediato a acometer medidas de mellora e conservación deste espazo natural.

Os populares presentaron unha iniciativa plenaria, a través dunha pregunta, na que criticaron as recurrentes malas condicións desta contorna, xa que se atopa moi deteriorada polos cheiros existentes e a presenza de lixo, a mala situación das augas e a maleza e vexetación abondosas que dificultan o disfrute deste lugar.

Así mesmo, reprocháronlle directamente ao executivo local a falta de dilixencia para atender a esta zona, xa que a mobiliario da mesma, como a varanda de madeira está completamente rota ou caída.

Por elo, e tras describir o mal estado deste espazo, o que provocou que recibisen queixas dos veciños, o PP cañicense preguntoulle ao goberno local polas causas do deterioro deste espazo e as actuacións previstas para proceder á súa mellora e conservación, pero lamentablemente non recibiron resposta por parte do alcalde, Luis Piña, nin dos demais membros do executivo.

A voceira municipal do PP, Pilar Vicente, lamentou este silencio, “xa que non estamos a preguntar por un expediente administrativo complexo nin por uns datos precisos, senón simplemente polo acondicionamento dunha zona moi empregada, o que nos confirma, tristemente, o pasotismo absoluto con cousas básicas.

En calquera caso, a concelleira popular anunciou que seguirán insistindo na necesidade de acometer actuacións de reparación e mantemento deste espazo natural para que poida ser empregado en condicións polos veciños e visitantes.