O PP da Caniza denuncia o grave abandono do Concello ás tarefas de mantemento dos dous colexios públicos e das instalacións municipais

A Caniza, 22 de abril de 2026.-

O grupo municipal do PP da Caniza vén de denunciar o grave abandono por parte do Concello das súas competencias á hora de acometer as necesarias tarefas de mantemento e conservación nos dous colexios públicos, o CPI Plurilingüe da Caniza e o CEIP de Valeixe, e en xeral de todas as instalacións de titularidade municipal.

Os populares calificaron de “inadmisible” a inacción absoluta do goberno local á hora de efectuar uns traballos que son imprescindible para o correcto funcionamento destes recintos e espazos e para evitar o risco de accidentes polo lóxico deterioro de calquera instalación polo uso e o paso do tempo.

Así, lamentaron que teñan que ser as Asociacións de Nais e Pais (Anpas) no caso dos colexios e os cidadáns en xeral os que teñan que acometer estes traballos para suplir a ineficiencia e o pasotismo fo executivo de Luis Piña.

“A verdade é que digno de eloxio e merece o maior dos recoñecementos que os canicenses sexan os que saquen adiante as cousas do día a día que debería facer o Concello. Réstanlle tempo ás súas familias e ás súas propias vidas en aras do beneficio común e tápanlle as vergoñas ao goberno, o cal é para louvar e para estar moi orgullosos da sociedade que temos na Caniza, pero tamén debería facer reflexionar ao executivo socialista sobre o pasotismo, e tamén a falta de fondos pola súa pésima xestión económica, coa que están mal dirixindo ao noso Concello”, aseverou a voceira popular, Pilar Vicente.

Neste senso, a concelleira do PP explicou que a falta de mantemento é unha constante desde hai moito tempo, provocando o conseguinte deterioro dos colexios e das instalacións municipais agás que aparezan uns voluntarios que se encarguen de solucionalo, malia que considera que ese non debería ser o funcionamento normal e debería ser o Concello quen fixese eses traballos.

Así, exemplificou esta situación recurrente co sucedido hai  uns días no CEIP de Valeixe, no que a Anpa e diversos proxenitores acometeron trabalos de limpeza e poda no xardín, de melloras interiores, lixado de portas e colocación de estanterías e, ao seu remate, lamentaron a falta de axuda institucional, en relación ao Concello como administración coas competencias nesta materia.