O PP da Cañiza denuncia graves problemas no pavillón do CPI tras seis anos sen mantemento do Concello e respalda a recollida de sinaturas da Anpa e do centro
A Cañiza, 17 de setembro de 2025.
O grupo municipal do PP da Cañiza vén de denunciar a existencia de graves problemas, principalmente pola filtración de auga, no pavillón do CPI tras seis anos sen mantemento por parte do Concello e, ademais, vén de amosar o seu respaldo á recollida de sinaturas emprendida pola Asociación de Nais e Pais (Anpa) e polo propio centro para que se proceda ao seu arranxo inmediato.
Os populares, que lembraron que a competencia de conservación deste polideportivo escolar é exclusivamente municipal, lamentaron o abandono ao que o goberno socialista someteu ao centro desde 2019. “Tras anos de pasotismo, a finais do pasado curso xa se detectaron importantes entradas de auga cando chovía, froito de non facer o axeitado mantemento durante anos, pero o Concello nin sequera aproveitou o verán para arranxalo e agora, co comezo de curso, reproducíronse estes problemas”, detallou a voceira municipal, Pilar Vicente.
Así, o PP da Cañiza revelou que esta circunstancia está a motivar a suspensión ou reformulación das clases de Educación Física, xa que a auga impide a celebración dos exercicios e, para non poñer en risco a integridade dos alumnos, o profesor vese obrigado a impartir clases teóricas. Dita circunstancia sucedeu na primeira semana das clases polas precipitacións deses días.
Ante esta circunstancia, e tras unha reunión informativa da Anpa celebrada a comezos desta semana, a comunidade educativa comezou unha recollida de sinaturas para reclamarlle ao Concello a reparación destes desperfectos e o PP local vén de amosarlles o seu apoio e incluso de animar ás familias e os demais veciños para que participen desta campaña. Da mesma informouse a través do programa ‘Abalar’ e convídase aos afectados a asinar e presentar a súa reclamación a través do rexistro municipal ou da aplicación ‘O Meu Concello’, pero tamén se pide que se entregue unha copia no centro para adxuntar no escrito que presentará o propio claustro de profesores.
“Estamos ante unha competencia municipal indiscutible que non se fixo nos últimos seis anos de goberno socialista, porque cos anteriores gobernos do PP si que se limpiaban as canalizacións, e que nos leva a esta situación de claro prexuízo para a comunidade educativa e os cativos do noso CPI, polo que queremos amosarlles todo o noso apoio e reclamarlle ao Concello que repare o pavillón”, detallou Pilar Vicente, que anunciou que, de persistir esta situación, presentarán algunha iniciativa ante o pleno.