O PP da Cañiza alerta da “grave situación económica” do Concello cun déficit anual dun millón de euros ao peche de 2024 e 5,5 millóns en débedas a bancos e ao Estado

A Cañiza, 15 de outubro de 2025.-

O grupo municipal do PP da Cañiza vén de alertar da “grave situación económica” do Concello como consecuencia da “nefasta xestión do diñeiro público” por parte do goberno socialista de Luis Piña, xa que os datos da Conta Xeral 2024, que se darán a coñecer no pleno do próximo venres, revelan que hai un déficit anual dun millón de euros, ao que hai que engadir os 5,5 millóns de débedas contraídas cos bancos e o Estado.

Os populares informaron, tras coñecer o balance económico do ano pasado na comisión de Contas, que o resultado orzamentario da Cañiza foi negativo en 1.007.253 euros como consecuencia dunha recadación de 6.003.202 euros e uns gastos de 7.010.455 euros. A raíz desta situación “desbocada”, o Concello está a recurrir ao remanente para pagar cuestións básicas e mínimas e xa o reducíu ata só 614.725 euros, unha das contías máis baixas da provincia.

Ademais, a xestión económica do executivo socialista está abocando ao Concello “a un problemón de grandes dimensións”, posto que tampouco se controlan as obrigas coas arcas municipais e a cifra de cobro dubidoso xa se eleva ata os 1.048.733 euros, que é moi elevada segundo o informe da Intervención Municipal.

“O alcalde estivo moito tempo tentando dicir que a mala situación económica da Cañiza era por culpa da xestión dos gobernos do PP, pero despois de máis de seis anos xa non cola e todo o mundo sabe que non hai un euro, que hai que facer enxeñería financeira ou pedir préstamos para subsistir e que está a ser principalmente a Deputación de Pontevedra cos seus investimentos e co seu dinamismo a que nos está a salvar da nada máis absoluta”, manifestou a voceira municipal, Pilar Vicente.

A concelleira, que indicou que no eido económico tamén hai un grave incumprimento dos prazos para presentar as contas e outras eivas como a faltra de constitución do Patrimonio Municipal do Solo, engadíu que a este “despilfarro anual nada produtivo para a calidade dos veciños” hai que engadir que a débeda viva coas entidades bancarias sitúase en 2,8 millóns de euros ao peche do ano 2024, o que supón catro veces máis que en 2019 cando o PP deixou o goberno, e 2,7 millóns máis ao Goberno de España como consecuencia do diñeiro que adiantou para facturas impagadas nos anos 2022 e 2023.

“O Estado deunos un folgo co mecanismo de pago a provedores porque a situación con eles era insostible, pero estamos devolvendo eses cartos cada mes cunha menor transferencia nas entregas a conta do Goberno central, e iso permitíu que a disparada débeda cos bancos baixara de 4,4 millóns en 2023, cando estábamos ao bordo da quebra, a 2,8 millóns. Pero en todo caso, esta contía é unha barbaridade e, se lle engadimos o préstamo encubertó que temos co Estado a situación aínda é peor que antes”, concluíu a voceira popular.