O PP da Cañiza alerta da “crítica” situación económica do Concello tras multiplicar a débeda por seis nos mandatos de Luis Piña ata os 4,4 millóns de euros

A Cañiza, 2 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP da Cañiza vén de alertar da “crítica” situación económica do Concello, segundo os datos oficiais do Ministerio de Hacienda e do Consello de Contas, despois de que a débeda se multiplicase por seis no mandato e medio do socialista Luis Piña na Alcaldía e que xa alcance os 4,4 millóns de euros.

“Non hai un só parámetro económico positivo malia que se miran decenas e decenas de datos, polo que, como ben advirte o Consello de Contas, está en perigo o cumprimento dos pagos correspondentes aos gastos correntes e aos servizos municipais, polo que a súa viabilidade, sostenibilidade e futuro están en claro risco”, manifestou a voceira municipal, Pilar Vicente.

Para a concelleira do PP a situación máis grave atópase na débeda viva do Concello, que se atopa “disparada”, posto que ao peche do exercicio 2019 –ano do cambio de goberno– se cifraba en 707.000 euros, segundo os datos oficiais de Hacienda, e no 2023 xa se elevaba ata os 4.407.000 euros.

“A débeda non para de medrar de xeito exponencial e non pasaría nada se non tivera consecuencias, pero xa as vemos e o tema vai a ir a peor, porque cando se coñezan os datos de peche de 2024 posiblemente se volva incrementar, posto que A Cañiza rexistra os peores resultados económicos de entre todos os concellos galegos da súa categoría –de 5.000 a 10.000 habitantes– cun resultado orzamentario que lle leva a perder ata máis de 1,4 millóns de euros nun ano, que é algo grave sobre todo porque ese gastos estrastoférico non o notan os veciños en investimentos e servizos, posto que todo o que chega ou vén da Xunta ou vén da Deputación”, aseverou a concelleira popular.

Ademais, Pilar Vicente tamén indicou que a “desfeita económica” exténdese ao pago de facturas e cumprimento cos provedores, posto que o pasado ano pechouse con 1.896.500 euros en obras e servizos sen abonar ás empresas subministradores, o que supón o 64% das facturas recibidas.

“Por cada 3 euros que contrata o Concello, o alcalde só paga 1 e deixou os outros 2 sen abonar, o que demostra, xunto coa elevada débeda –a máis alta por habitante de toda a provincia de Pontevedra–, e os demais parámetros negativos, que temos o peor resultado económico dos concellos da nosa categoría nunha situación insostible que vai acabar prexudicando moito aos veciños”, concluíu.