O PP da Cañiza acusa a Piña de crear un “inferno fiscal” tras subir outros 11 tributos e elevar a presión fiscal “de xeito insoportable” por riba dos 500 euros por veciño ao ano

A Cañiza, 25 de outubro de 2025.-

O grupo municipal do PP da Cañiza vén de acusar ao alcalde, Luis Piña, e ao goberno socialista de crear un “inferno fiscal” no concello tras aprobar en pleno a suba doutros 11 tributos municipais, polo que a presión fiscal acaba de elevarse “de xeito insoportable”, xa que os cañicenses xa pagan máis de 500 euros en impostos locais por ano.

Por este motivo, os populares votaron no pleno en contra deste “sablazo aos petos das familias e dos veciños”, xa que cinco das taxas van medrar por riba do 90% para o próximo ano 2026, outras dúas subirán arredor un 30%, as do lixo, a auga e o saneamento alzaranse nun 2% e, a maiores, créase un novo pago pola celebración de matrimonios civís.

“O alcalde tenta buscar palabras bonitas para xustificar este asalto ao diñeiro dos cañicenses dicindo que é para garantir os servizos e buscar a sostibilidade financeira, cando na realidade o único obxectivo é tapar as crecentes débedas e impagos dunha xestión irracional do diñeiro público”, manifestou a voceira municipal, Pilar Vicente.

Deste xeito, e tras as subas de impostos de anos anteriores, os populares denunciaron que o goberno socialista “xa conseguíu a dubidosa honra de situar a presión fiscal da Cañiza en 513 euros por habitante ao ano só polo pago dos tributos municipais”, o que supón unha cifra moi superior a práctica totalidade dos concellos similares da provincia, que se sitúan entre os 300 e 400 euros.

“Se pretendían asfixiar ás familias da Cañiza, só para tapar a súa incompetencia, estao a conseguir, pero ten que saber que está a xerar un clima económico irrespirable, porque ademais a cifra de impostos municipais que paga cada fogar é moi superior, xa que nesa media de 513 inclúese a todos os veciños, tamén aos nenos, menores e xóvenes que, loxicamente, aínda non pagan tributos”, apostillou.

“Saña especial” coa vivenda

Neste senso, e con respecto a esta política de constantes subas fiscais, o PP da Cañiza amosou a súa especial preocupación pola “saña especial” que o alcalde está a amosar cos tributos relacionados coa construción e vivenda, o que considera que é moi prexudicial, posto que dificulta enormemente o acceso a un piso ou unha casa “nun momento no que é moi complexo atopar un lugar para vivir pola escasa oferta e polos prezos disparados e que, no caso do noso concello, vese agravado polas subas fiscais vencelladas á vivenda”.

Así, lembraron que o pasado ano o executivo de Luis Piña impulsou un incremento do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) do 35% ao subir o coeficiente do 2,8 ao 3,8 do orzamento de execución material e, desta volta, acaba de seguir nesta liña cunha suba do 117% na taxa para a concesión de licenzas urbanísticas”.