O PP da Cañiza abre o proceso de designación dunha xunta xestora na reunión de despedida de Miguel Domínguez como presidente local

Martes, 21 de xaneiro de 2025.-

O PP da Cañiza vén de activar o proceso de renovación do liderado que ostenta Miguel Domínguez coa decisión da xunta local, respaldada pola dirección provincial do partido, da próxima designación dunha xunta xestora para dirixir o partido no que resta de mandato municipal.

O encontro do órgano local, que contou coa presenza do presidente provincial do PP, Luis López, e da secretaria xeral, Luisa Piñeiro, comezou coa intervención do propio Miguel Domínguez, que fixo en sentido e emotivo discurso de despedida no que agradeceu o apoio e o traballo destes anos aos máis de trinta integrantes da xunta local.

No mesmo, o tamén voceiro do grupo municipal tamén deixou claro que, polo momento, manterá a súa acta de concelleiro, xa que a súa prioridade é facer “unha transición ordenada e exemplar que permita fortalecer o partido na Cañiza e culminar o traballo de clara alternativa de goberno que temos no Concello e que agardemos que culmine cunha rotunda vitoria nas eleccións municipais de 2027”.

Pola súa banda, Luis López salientou o “grandísimo labor e os bos resultados electorais” obtidos polo PP na Cañiza baixo o liderado de Miguel Domínguez, ao que agradeceu a súa adicación e compromiso co partido e cos veciños. Así mesmo, amosouse convencido de que “cos piares e co proxecto construido durante estes anos, máis a correspondente dose de renovación e xenerosidade de Miguel Domínguez e de todos os militantes, chegaremos á cita coas urnas de 2027 coa alternativa máis acaída para os cañicenses perfectamente preparada”.

Finalmente, a xunta local pechouse coa decisión de axilizar este proceso interno durante as próximas semanas para elixir a un novo equipo rector que culmine a renovación orgánica e, chegado o caso, a do grupo municipal.