O PP cualifica a privatización do servizo de socorrismo de “fracaso absoluto” e exixen ao tripartito que “rectifique”
Cangas, 14 de mayo de 2025
O goberno local liderado polo BNG volve a obter un “fracaso absoluto” nunha nova licitación dun servizo público que queda deserto. “Xa é unha norma no noso Concello, xa que se suma a outros contratos como o do Servizo de Axuda no Fogar, cuxa licitación quedou deserta e que na actualidade está en situación irregular e aínda sen licitar de novo, o contrato da xestión da piscina municipal, que leva anos vencido e sen licitar de novo, ou o do servizo de recollida do lixo, en situación similar desde fai anos por parte da Mancomunidade do Morrazo que preside a alcaldesa de Cangas, a nacionalista Araceli Gestido” enumeran. “E tal o grao de incompetencia e xestión do actual equipo de goberno que son incapaces nin de privatizar nin de municipalizar. A parálise é absoluta”.
Con todo, os populares ven nesta ocasión unha oportunidade para que o BNG e os seus socios “rectifiquen” e obten por dar marcha atrás coa privatización do servizo. “Exiximos que paralicen a privatización e traballen por poñer en marcha este servizo mediante xestión directa como reclaman os propios profesionais” insisten. Tamén alertan que “a actuación improvisada e irresponsable do goberno local levou a que a mediados de maio non existan garantías sobre o modelo de xestión co que se vai a despregar un servizo esencial xerando moitísimas incertezas”. Unha situación que contrasta coa actuación doutros gobernos da contorna, “con gobernos do BNG dos listos” que non están suxeitos a estes “vaivéns”.
Por outra banda, desde o grupo maioritario da Corporación reclaman responsabilidades políticas polo que cualifican dunha “política caótica de contratación pública que encadea fracaso tras fracaso” e que suman “á perda constante de subvencións que a estas alturas alcanza un valor de 600.000 euros” argumentan. Uns feitos dos que responsabilizan á concelleira de Facenda, Xiana Abal, “como máxima responsable da política económica do Concello de Cangas”. “Pechou o 2024 cun déficit de 1,5 millóns de euros cun orzamentos no 2024 aprobados a metade de ano, é incapaz de traer os orzamentos municipais deste ano polo que estamos, de novo, con orzamentos prorrogados, e que incumpriu os acordos plenarios que condicionaban as contas vixentes” sinalan. “A súa xestión sae cada día más cara á veciñanza” engaden, “polo que debería asumir a súa responsabilidade política nesta desfeita que está levando ao noso concello a unha parálise absoluta mentres, ironicamente, gastan máis que nunca” reflexionan. “Cangas non merece este goberno que en dous anos demostrou sobradamente non estar á altura” rematan.