O PP critica que Juncal se agoche en “excusas baratas e unha falsa persecución política” pola perda dos 700.000 euros do pavillón de Beluso en vez de admitir a súa incompetencia

Bueu, 22 de setembro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de criticar ao alcalde, Félix Juncal, de agocharse en “excusas baratas e unha falsa persecución política” por parte da Xunta tras confirmarse a perda da achega autonómica de 700.000 euros para a rehabilitación integral do pavillón de Beluso por un flagrante incumprimento do prazo de execución e xustificación.

Os populares cren que a reacción do rexedor é “sobreactuada e impostada” para tratar de escapar da súa exclusiva responsabilidade e para non admitir a súa incompetencia evidente neste asunto. “Os cartos pérdense por unha mala xestión de obra, xa que o proxecto tivo que ser modificado, non houbo a debida supervisión e control e superáronse claramente os prazos -admitido polo propio Concello nas súas alegacións contra a Xunta-, que é algo xeralizado nas obras deste mandato e que levamos denunciando estes tres anos ata que agora chegan as tristes consecuencias”, manifestou a voceira, Elena Estévez.

A concelleira popular calificou de “contraditoria” a postura do alcalde, posto que lembrou que hai só dous meses louvaba e aplaudía a colaboración coa Xunta, diante do presidente Alfonso Rueda, cando asinaba a convenio de concesión de 1,7 millóns de euros para a mellora da Avenida Pazos Fontenla e agora achaca a perda destes 700.000 euros a unha cuestión partidista e de persecución ao Concello de Bueu.

“Se a Xunta quixera maltratar e castigar ao goberno só por ser do BNG podía comezar por non outorgarlle a millonada para a mellora urbana. Pero esa non é a realidade por moito que o alcalde minta descaradamente. A realidade é que a Xunta está a achegar moitísmo a Bueu, pero hai unhas regras e uns prazos que son iguais para todos e os propios técnicos autonómicos teñen que cumprir co seu traballo. E Bueu perde tristemente os cartos por unha realidade indiscutible, que é que superou en seis meses o prazo de xustificación da obra pola neglixencia do alcalde e do seu executivo”, explicou a edil.

Elena Estévez lembrou que os problemas desta obra foron tamén ditaminados pola Intervención Municipal do Concello de Bueu, que emitíu reparacións as certificacións dos traballos desde a número 5 advertindo do incumprimento do prazo e de que a subvención era reintegrable: “Supoñemos que os nosos técnicos de Intervención tamén formaban parte desa conspiración contra o BNG que o alcalde emprega de excusa infantil”, ironizou a concelleira.

Finalmente, a voceira popular cre que se o alcalde acude á xustiza para tentar evitar a perda deses fondos “ao mellor faino peor e aínda perde máis diñeiro público en costas e abogados, porque non cremos que o pague do seu peto” e calificou de “surrealista e desesperada” a alternativa que daba o alcalde reclamando un convenio “porque parece que non se entera, xa que esta achega procedeu dunha liña de axudas do Fondo de Cooperación Local, polo que non se rexe polo réxime de convenios como sucede no caso de Pazos Fontenla”.

“Tan importante como o arranxo do pavillón era facelo correctamente e que o Concello non tivera que sufragalo todo aproveitando a oportunidade dos cartos procedentes da Xunta. Porque agora, esa perda vai supoñer 700.000 euros en recurtes, xa que se sacarán doutras cousas necesarias”, concluíu.