O PP critica os “prezos desorbitados” dos campamentos de conciliación da Cañiza e lamenta que sexan os máis altos da comarca
A Cañiza, 19 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP da Cañiza vén de criticar os “prezos desorbitados” do campamento urbano promovido polo Concello e que serve como medida principal de conciliación familiar durante o verán, xa que lamentou que sexan os máis altos da comarca e un dos máis caros de toda a provincia de Pontevedra.
Os populares, que lembraron que máis dunha decena de municipios ofrecen este servizo de xeito gratuíto porque consideran que a conciliación “é unha cuestión básica e fundamental” para os veciños, consideran que os 55 euros por quincena para cada cativo participante “demostran que o goberno socialista non pensa absolutamente nada nas familias”.
“Estamos a falar de 110 euros por neno por todo o mes de xullo, que é unha cantidade máis propia dunha empresa privada que dunha administración pública”, advertíu a voceira municipal, Pilar Vicente, que achacou esta elevada contía, que contrasta moito coa dos demais municipios da contorna, coa mala xestión económica do goberno de Luis Piña e da difícil situación das arcas municipais, “xa que ten o Concello afogado e ten que cobrar, e moito, por absolutamente todo”.
“Cando se fala do seu despilfarro e das débedas millonarias parece que non importa, que non nos inflúe, como se a situación do Concello non fora cousa de todos, pero a realidade que en cousas básicas como esta sufrimos as consecuencias nos nosos petos, xa que imos pagar tres veces máis que en Covelo e case o dobre que en Arbo”, apreciou a concelleira.
Así, Pilar Vicente salientou que a taxa pola conciliación da Cañiza, cifra en 55 euros por quenda de 15 días e, polo tanto, 110 euros polo mes de xullo completo, contrasta coa gratuidade da que disfrutan os rapaces de Mondariz, que ten un goberno do PP, cos 20 euros por quenda –e 40 por todo o mes– de Covelo ou os 30 de Arbo, por só citar dous exemplos.
“Practicamente todos os concellos da provincia teñen taxas de conciliación estival moitísimo máis baratas que A Cañiza, o que demostra unha total falta de sensibilidade cos veciños. Gustaríanos que o servizo, que é totalmente básico para as familias, puidese ser gratuíto, mais somos comprensibles e entendemos que ás veces non pode ser posible, pero a taxa tería que ser razoable, asumible e asequible e non disparatada como sufrimos na Cañiza”, concluíu.