O PP critica os erros na adxudicación de obras por parte do BNG, a falta de control das mesmas e as irregularidades nas certificacións tras os problemas no Paseo da Xunqueira
Xoves, 2 de outubro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Moaña vén de criticar a xestión das obras impulsadas polo Concello por parte do goberno do BNG a raíz dos enormes problemas detectados no Paseo da praia da Xunqueira e que van ser reparados ao amparo da garantía desta actuación. Neste senso, os populares lamentaron os habituais erros na adxudicación das obras, a falta de control e inspección por parte do executivo nacionalista que é unha das súas responsabilidades e as irregularidades nas certificacións.
Así, o PP moañés calificou de “inadmisible” que haxa que reparar unha obra, ante as fortes queixas dos veciños, na que se investiron 326.000 euros hai só catro anos, “xa que isto demostra unha mala praxe no manexo dos cartos públicos porque semella que non lles importa nin con quen contratan, nin como se desenvolven as obras, nin como se finalizan”.
Ademais, engadiron que a propia alcaldesa, Leticia Santos, admitíu que os enormes problemas coa saburra compactada da senda, que se levantou e provocaba que o percorrido fose irregular, deriváronse de erros na construción. “Estas deficiencias teñen que detectarse durante as obras se o goberno local non incumprise co seu deber de vixilancia, inspección e control, ou para que existen as distintas certificacións? Pero é que ademais tamén se recepcionou o paseo e se aprobou o final de obra sen a dilixencia debida, porque se había erros na construción tiñan que detectarse na supervisión previa a estes trámites”, apostillou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.
Tamén se referíu o concelleiro do PP á “excesiva tardanza” na redacción por parte do executivo do BNG, posto que as deficiencias do paseo, especialmente en termos de accesibilidade para as cadeiras de rodas e para os carriños dos nenos, e as queixas dos veciños xa levan moito tempo enriba da mesa e xa lle foron trasladadas ao Concello con anterioridade. “Ata que a situación non se volveu insostible, o Bloque non actuou e desta volta salváronse porque a garantía aínda estaba vixente, pero noutros casos pode superarse o prazo e ter que asumir o arranxo cos fondos propios”, detallou.
Finalmente, Alfonso Piñeiro lamentou que estes problemas coas obras sexan unha constante en Moaña pola xestión “chea de pasotismo” do goberno nacionalista, xa que indicou que adoita adxudicar as actuacións sen ter en conta os criterios de calidade “e ao final sempre o pagan os veciños porque ese paseo era unha auténtica vergoña”.