O PP critica a “perda total” dos mil primeiros días de mandato e califica de “surrealista” que Rivas presuma de Servizos Sociais, xa que é das áreas máis criticadas polos veciños

Redondela, 8 de xaneiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de criticar a “perda total e absoluta” dos dous primeiros terzos do presente mandato, xusto cando están a piques de cumprirse mil días do bipartito, e lamenta que non haxa ningún atisbo de recuperación na xestión do Concello para o presente 2026. Así mesmo, os populares calificaron de “surrealista” que a alcaldesa, Digna Rivas, presumise principalmente dos Servizos Sociais no seu balance do pasado exercicio cando á das áreas máis criticadas polos veciños e incluso a concelleira delegada, Iria Vilaboa, foi reprobada polo pleno.

“A rexedora tivo a desfachatez de saír a presumir da desfeita política, municipal e de xestión que está a facer Redondela, xa que do pasado ano destacou sobre calquera cousa os Servizos Sociais, que padecen unhas eivas e unha desorganización indignas pola súa exclusiva responsabilidade, así que os veciños xa saben e sufren como está o resto. Redondela non ten proxectos estratéxicos e necesarios, as parroquias están abandonadas e a alcaldesa escapa da xente e non recibe aos veciños”, manifestou o voceiro popular, Javier Bas.

O concelleiro do PP engadíu ademais que o balance de Digna Rivas “é máis propio dun concello pequeno de menos de 5.000 habitantes que do que merece o cuarto municipio da provincia” e botou en falta que, tras superar o groso do mandato e con preto de sete anos de goberno socialista, se sigan a reclamar o auditorio, a reforma do mercado, o pavillón e a escola infantil de Chapela, o paseo de Cesantes ou as instalacións de atletismo, entre moitas outras infraestruturas. “Estas actuacións tan demandadas pola cidadanía nin están nin se agardan, malia a importante colaboración que recibe da Xunta, como se demostrou coa Avenida de Mendiño, e da Deputación, polo que os redondeláns xa saben que só serán unha realidade cun goberno local liderado polo Partido Popular”, apostillou

Javier Bas lamentou tamén a “cativez de miras” do goberno bipartito para afrontar estes grandes proxectos, o mal funcionamento da práctica totalidade dos departamentos municipais, a pésima xestión económica con números vermellos e perdas constantes millonarias de subvencións e o desleixo absoluto coas parroquias, malia que o Concello ten máis ingresos ca nunca por mor do taxazo aplicado no servizo de limpeza e recollida de lixo, que subíu unha media do 165% e que o PP segue loitando, nesta volta nos tribunais, para tentar a súa retirada.

“Desde o PP queremos facer unha enmenda á totalidade á xestión realizada pola alcaldesa o pasado ano e cremos que o seu balance demostra ben ás claras a terrible situación política que padece o Concello de Redondela. De feito, os ‘fitos’ destacados pola alcaldesa parecen convidar máis a agocharse, avergoñarse e pedir perdón aos veciños que a saír publicamente a presumir, pero xa se sabemos que á irresponsabilidade súmanlle a inconsciencia”, concluíu.