O PP critica a “nefasta xestión” do BNG nas obras dos campos de fútbol por insistir cunha empresa con pésimos precedentes en Moaña e que foi desbotada polo Concello de Cangas

Sábado, 20 de decembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Moaña vén de criticar a “nefasta xestión” do goberno do BNG de Leticia Santos nas obras dos campos de fútbol, posto que se insiste reiteradamente nunha mesma empresa para a adxudicación e execución das mesmas malia os pésimos precedentes que ten en obras deportivas similares no concello e que incluso foi desbotada polo Concello de Cangas para o campo do Alondras.

“A empresa non serve para isto, demostrouno na obra do Campo do Casal, estan a demostrar no cambio dos terreos de xogo do fútbol-7 e o noso concello veciño xa a descartou por incumprimento das prescricións técnicas. Así que non entendemos porque o Bloque persiste cunha firma cos antecedentes que ten no noso concello e que non vale para Cangas, agás que haxa algo que se nos escapa e que ten un tufo moi raro”, manifestou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.

Os populares revelaron que as obras dos campos de keniata en Reibón e Seara xa presentan remendos incluso antes de que a actuación estea rematada “o que xa deixa entrever que o resultado vai ser un desastre, tal e como sucede con esta empresa favorita de Leticia Santos” e engadiron que a todo iso súmase o “retraso insoportable” dun proxecto que tiña que estar listo para setembro antes de que comezase o curso escolar “e co que seguimos a voltas tres meses despois”. Ao respecto, a formación moañesa tamén demandou explicacións sobre o posible recurte nas dimensións dos terreos de xogo destas instalacións derivada de que a firma non foi quen de conseguir o céspede artificial necesario, “o que suporía unha situación gravísima e contra os pregos do contrato”.

Ademais, o PP lembrou que dita situación “non é unha sorpresa”, posto que a empresa é a mesma que acometeu a renovación do terreo de xogo do Campo do Casal hai dous anos cunha execución pésima, que motivou que leve varias reparacións en garantía –alomenos tres– nos dous últimos anos sen que se subsanasen por completo as eivas e que aínda teña pendentes outros arranxos nesta mesma instalación. “Admitiron unha baixa esaxerada de 80.000 euros, que meteron en asfaltados porque o cabreo polo estado dos camiños era considerable, e como consecuencia temos unha obra que non servíu para nada, o que vén sendo unha xestión ao máis estilo BNG”,indicou.

Finalmente, o PP revelou que agora a empresa está a poñer de modelo unha obra en Valladolid para o futuro campo de Domaio “cando para ver como traballa xa nos chegan os desastres do Casal, Reibón e Seara”, polo que augurou que será a adxudicataria “nunha situación que pasa de castaño escuro polos prexuízos para os deportistas e os veciños e sobre a que estamos a barallar a solicitude de explicacións e dunha investigación”.