O PP cre que as restriccións de tráfico non evitaron a masificación da Illa nin os atascos na ponte, pero minguaron moito a caixa dos negocios xa que a xente escapou do centro
Sábado, 13 de setembro de 2025
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de ampliar a súa reflexión sobre as restriccións de tráfico implantadas no concello polo bipartito sinalando que ditas medidas non evitaron nin a masificación do territorio nin os atascos na ponte nas denominadas ‘horas punta’, pero pola contra si que minguaron moito a caixa dos negocios e o retorno socioeconómico do turismo, xa que a xente escapou do centro, que é algo que denuncian reiteradamente os comerciantes e hostaleiros.
“Mantemos os prexúízos e as lóxicas molestias que causa tanta chegada de xente, xa que non variou nin un ápice o colapso da única entrada por estrada ao noso concello, pero pola contra, o noso comercio e hostalería, do que viven moitísimos veciños, deixou de gañar moitos cartos, xa que claro que viu moita xente á Illa, porque somos un paraíso, pero os visitantes quedaron no Bao e O Carreirón. Así que seguimos cos problemas, pero non a parte positiva, a económica, recurtouse, así que non entendemos o beneficio desta medida, xa que, por moito que se poña o alcalde, no centro non había problemas de tráfico, nin sequera no verán, e nin a rúa Castelao nin outras do centro eran ningunha autoestrada nin tiñan problemas de seguridade”, detallaron os populares.
O PP, que cre que Luis Arosa busca “reafirmar o seu erro” insistindo en que o plan foi un éxito, concorda co alcalde en que non se reducíu o turismo, aínda que lle pide máis prudencia e sosego coas cifras tras afirmar que viñeron 600.000 persoas á Illa só no mes de xullo “porque de ser certo este dato habería que revisar moito á alza as cifras turísticas de Galicia e tamén de España”. Pero en todo caso, lémbralle que este volume de visitantes “xa dixéramos nós que se ía producir porque Galicia é un destino de referencia e A Illa é dos mellores lugares da nosa comunidade, pero tamén acertamos en que se baleirou bastante o centro, agás cando houbo festas gastronómicas, polo que seguimos masificados, pero con menos cartos no peto”.
Busca de recadación e bus circular
Por outra banda, a formación liderada por Matías Cañón considera que o mantemento destas prohibicións de circulación no inverno son un “erro por duplicado” e cre que, con todas estas restriccións máis a ordenanza de pago polo estacionamento que entrou esta semana en vigor, o goberno bipartito só buscar recadar e advirte do malestar, incluso entre veciños da Illa, que vai provocar a chegada das sancións.
“Agora que vai empezar o mal tempo, a ver quen aparca lonxe do centro e vai baixo a choiva a mercar a un comercio ou a tomar algo. Estes dez meses vanse facer moi longos para os negocios porque, agás os veciños, non van ter a ninguén, xa que as medidas son moi duras, excesivas, e totalmente disuasorias”, advertiron desde o PP.
Finalmente, os populares reclámanlle ao alcalde que, xa que deu as hipotéticas e esaxeradas cifras de visitantes no mes de xullo, actúe coa mesma transparencia no caso dos usuarios do bus circular que partía do Bao, “xa que semella que esta iniciativa, que nos custou 13.000 euros, foi un auténtico fracaso, xa que algunha que outra vez vimos a tres persoas”. Ao respecto, indicou que Sanxenxo xa informou do uso do seu bus estival, con 549 usuarios diarios e un total de 34.000 entre os meses de xullo e agosto, “polo que agardamos con moita expectación os datos para saber a rendibilidade do investimento realizado”.