O PP consegue aprobar no Congreso a redacción dun estudo para mellorar a seguridade na N-555 malia a resistencia e falta de apoio do PSOE
Redondela, 24 de setembro de 2026
O Partido Popular conseguiu aprobar na Comisión de Seguridade Viaria do Congreso dos Deputados unha Proposición Non de Lei (PNL) para instar ao Goberno de España a que acometa canto antes a redacción dun estudo técnico para determinar as obras e actuacións de mellora da estrada N-555 entre Redondela e o Aeroporto de Peinador. Porén, os populares lamentaron a resistencia e falta de apoio do PSOE e doutras forzas de esquerda a esta iniciativa.
“Sempre que Redondela ten unha necesidade os socialistas déixana tirada ou póñense de perfil e a súa vergoñenta abstención ante unha demanda xusta e necesaria dos veciños de Cedeira, Negros, Cabeiro e Vilar de Infesta e unha nova demostración deste desleixo”, lamentou o voceiro municipal, Javier Bas.
Neste senso, os populares destacaron o “éxito moi traballado” do PP para sacar adiante esta iniciativa con 18 votos favorables dos 35 da citada comisión e indicaron que a falta de apoio dos socialistas “tristemente xa nos adianta que, aínda que se lle traslade a proposta ao Goberno tal e como se acordou, non van facer nada desde o Executivo central na súa política de abandono con Redondela, pero estaremos vixilantes e insistentes en defensa dos nosos veciños”.
Ademais, o PP redondelán tamén censurou a postura da alcaldesa, Digna Rivas, por carecer da forza e do peso político necesario “para esixirlle aos seus que saquen adiante as necesidades de Redondela”, polo que consideran que, “ou por acción ineficiente ou por omisión”, é cómplice da abstención dos socialistas pola N-555 no Congreso e corresponsable de que o Goberno de España non acometa finalmente nin o estudo nin as obras necesarias. “Hai unha evidente debilidade e falta de preocupación coas demandas dos veciños por parte da alcaldesa que xa é desesperante”, apercibiu Bas.
Os populares de Redondela, que visitaron a zona e estiveron cos veciños o pasado mes de xullo para informarlles da presentación desta PNL, reiteraron que esta estrada carece de beirarrúas, mantemento e ten problemas de visibilidade e precisa, ao longo dos seus oito quilómetros, a construción de beiravías, pintado de pasos de peóns, reforzo da sinalización e da iluminación, medidas redutoras de velocidade e accións de control das inundacións.
Finalmente, Javier Bas augurou que, malia o acordo no Congreso, os socialistas “volverán a abandonar” a Redondela e augurou que fará falta un dobre cambio de goberno o próximo ano, en España e no concello, para que se comece a avanzar nesta actuación.