O PP chama a “traballar polo cambio” en Cuntis da man de Isabel Couselo para mudar a mala xestión económica e as débedas que afogan os servizos municipais e os investimentos

Domingo, 11 de maio de 2025.-

O PP, a través do presidente provincial, Luis López, e a voceira municipal de Cuntis, Isabel Couselo, chamou á militancia a “traballar arreo polo cambio” neste concello da bisbarra do Umia da man do Partido Popular para mudar a mala xestión do goberno socialista e as débedas, que están a afogar os servizos municipais e os investimentos.

Os populares avogaron porque a alternativa de goberno que representa Isabel Couselo desde as municipais de 2023, nas que superou o 40% dos votos, dea un paso adiante para acadar a Alcaldía e o executivo municipal no transcurso dunha nova edición da Xuntanza Popular do PP de Cuntis, celebrada este mediodía coa presenza de máis de 200 persoas na zona anexa ao Campo da Ran. Neste acto tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e ex alcalde da Estrada, José López; a secretaria xeral do PP Provincial e tenente de alcalde de Moraña, Luisa Piñeiro; e rexedores, voceiros e concelleiros de todos os municipios da comarca.

O líder provincial e tamén presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, lembrou que o Concello “está a ser rescatado da nada máis absoluta” grazas ás achegas da Xunta, que financia servizos tan importante como a Atención Temperá ou o Programa Integrado de Emprego, entre outros, e polo organismo provincial que preside, que leva investidous ou concedidos máis de dous millóns de euros para actuacións diversas “e necesarias para o desenvolvemento de Cuntis” nestes dous primeiros anos de mandato.

Pola súa banda, Isabel Couselo agradeceu a masiva asistencia da militancia do PP nunha cita que xa se está a converter en tradicional cada mes de maio e instou á “gran familia popular” de Cuntis, “que afortunadamente medrou moito neste tempo nunha clara sinal de que somos a alternativa necesaria”, a traballar arreo os dous anos que restan ata as eleccións municipais.

A voceira municipal deixou claro que o obxectivo para evitar a reedición dun feble goberno socialista ou dun errático bipartito co BNG pasa por acadar a maioría absoluta para acceder ao goberno local “co obxectivo de reverter o esgotamento do actual goberno e a desatención aos veciños e de erradicar as débedas millonarias que cercenan o noso futuro”.