O PP censura a actitude de confrontación do alcalde na visita do conselleiro de Educación e cre que explica a nula capacidade de xestión para conseguir investimentos para Cuntis
Cuntis, 22 de xaneiro de 2026
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de censurar a actitude de confrontación e absoluta falta de respecto institucional do alcalde, Manuel Campos, na recente visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao colexio público Aurelio Rey para anunciar a súa rehabilitación integral por 1,1 millóns de euros e cre que esta política belixerante explica ben ás claras a súa nula capacidade de xestión para conseguir investimentos, de todas as administracións, para o Concello.
Os populares lamentaron que o rexedor, ante o asombro de todos os asistentes a este acto, aproveitase a visita para realizar peticións totalmente extemporáneas e sen sentido nun ton incomprensiblemente belixerante e achacan este posicionamento a que tiña a necesidade de “facerse notar porque está tremendamente enfadado” dado que a obra foi xestionada pola voceira municipal do PP, Isabel Couselo, desde a dirección territorial de Cultura da Xunta que ocupa desde hai case un ano.
O PP cuntiense, que agredeceu a sensibilidade do conselleiro con Cuntis por impulsar unha obra tan importante e necesaria e tamén o seu saber estar e comportamento ante a “actitude lamentable” do alcalde, valorou a importante desta reforma global do colexio público que, ademais, acometerase con gran celeridade ao estar incluída nos Orzamentos 2026 da Xunta.
En todo caso, os populares cren que a “desagradable situación” provocada exclusivamente polo alcalde debería tratar de reconducirse por parte do propio Manuel Campos pedindo desculpas públicas ao conselleiro e tamén aos veciños de Cuntis, aos que representaba nese acto, e rectificando a súa “política macarra”, posto que está a prexudicar gravemente ao pobo nas súas relacións, xestións e negociacións coas demais administracións “ata situalo na máis absoluta soidade”.
Finalmente, o PP local lembrou que o alcalde non está a conseguir os investimentos estratéxicos e de envergadura que precisa Cuntis por esta nula capacidade de xestión e salientaron que dita circunstancia non só sucede coas administracións gobernadas polo PP, como a Xunta, senón que tamén se extende ao Goberno de España, posto que Campos non é quen de conseguir, malia os reiterados compromisos incumpridos, que o Ministerio de Transportes arranxe dunha vez e de xeito integral a estrada N-640, que está nun pésimo estado e pola que se levan agardando oito anos.