O PP califica o proxecto de Orzamentos 2025 do goberno de MS de “contas anti-Salceda” e anuncia que serán rexeitados, xa que toda a oposición vai votar en contra

Xoves, 3 de xullo de 2025.-

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de calificar o proxecto de Orzamentos 2025 presentado polo goberno de MS como unhas “contas anti-Salceda”, xa que non recollen ningunha das principais demandas e investimentos que reclaman os veciños nin soluciona as moitas eivas de funcionamento do Concello. Ademais, anunciou que malia o triunfalismo da rexedora, Dolores Castiñeira, fachendándose de que os negociou con PSOE e BNG van a ser rexeitados polo pleno na sesión desta noite, xa que toda a oposición vai a votar en contra.

O voceiro municipal, Santi Davila, explicou que o proxecto económico non recolle partidas para as principais necesidades de Salceda, como o Plan Xeral, a circunvalación, a ampliación do pavillón, a creación de solo industrial ou o acceso ao CRA Raíña Aragonta, entre outras, e só serviría para seguir incrementando a débeda coa inclusión do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) pendente para pagar facturas anteriores.

Ademais, engadíu que todos os investimentos proceden da Xunta e da Deputación, e incluso un do Goberno de España, “e vanse facer igual aínda que Salceda non teña aprobados estes terribles orzamentos, que non podemos apoiar en ningún caso por responsabilidade cos veciños”.

Tamén lamentou que no mesmo non se recolla a elaboración dunhas bases para o reparto das axudas a colectivos e asociacións “atendendo a criterios obxectivos e á súa importancia e se manteña o actual sistema de distribución totalmente desigual arbitrario e caciquil”. Nesta liña, tamén criticou que as contas non recollen, novamente, medidas de apoio económico de peso para o Entroido, que apenas conta co respaldo do Concello malia a súa importancia social.

Por outra banda, lamentou que a alcaldesa “faga o ridículo” presumindo de telos negociado con PSOE e BNG “cando a noticia sería que ten alcanzado un acordo e conseguido o seu apoio para aprobalos, pero sabe que a realidade é a oposta, xa que o Bloque xa votou en contra nas comisións informativas e os socialistas non terán representación no pleno desta noite”. “Tenta mostrar talante de diálogo, supoñemos que para tapar o seu sectarismo, pero debe deixar de perder o tempo e de prexudicar aos veciños coa súa estratexia puramente electoral porque xa lle adiantamos que vai perder a votación rotundamente por 7 votos a 4”, concretou.

“Di que son os orzamentos máis altos da historia, algo absolutamente normal que pasa en todos os concellos todos os anos polos efectos da inflación e as subas de impostos que nos impón o PSOE en Madrid e que inchan a recadación, pero non importa nada que sexan os máis altos se son inservibles e non serven para atender axeitadamente aos veciños”, concluiu Davila.