O PP amosa a súa preocupación polo proxecto do centro asistencial, xa que o bipartito segue sen pechar o financiamento seis meses despois de que a Deputación concedera 500.000 euros
Rodeiro, 17 de setembro de 2025.
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de amosar a súa preocupación polo proxecto para o remate do Centro Polivalente de Uso Asistencial, que acollerá un centro de día para maiores e o Punto de Atención á Infancia (PAI), xa que o bipartito segue sen ser capaz de pechar o financiamento e de conseguir os 660.000 euros que garantan esta obra cando xa pasaron seis meses desde que a actuación fora impulsada grazas a unha achega de 500.000 euros da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Extra.
Os populares lembraron que esta actuación está orzamentada en 1,16 millóns de euros e o presidente provincial, Luis López, confirmou a concesión a Rodeiro da contía máxima, o citado medio millón de euros, desde o seu organismo. Esta comunicación producíuse o pasado 10 de marzo a través dunha notificación e, desde aquela, o goberno PSOE-UxR aínda non informou de como pensan pagar os 660.000 euros restantes “basicamente porque aínda non conseguiron eses cartos nin saben de onde sacalos, o que confirma unha vez máis a súa falta de xestión e previsión”.
Neste senso, a voceira municipal, Cati Somoza, engadíu que o “estado de improvisación” no que o bipartito ten sumido a este proxecto elévase a un ano, “xa que cando o presentaron ao Plan Extra o pasado outono xa sabían que a contía máxima que concedía a Deputación era de 500.000 euros, polo que xa podían poñerse a traballar desde aquela para pechar o financiamento”.
De feito, a preocupación do PP por este forte retraso levou á concelleira a preguntar por esta cuestión no derradeiro pleno, o que incrementou a súa sensación de desacougo: “José Luis Camiñas dixo que está agardando pola resposta doutras administracións, que non sabemos cales son pero sobre a que non temos moita esperanza pola incapacidade do bipartito para conseguir fondos, e todo iso confirma unha absoluta improvisación, xa que se lanzaron a un proxecto sen saber como sufragalo. Porque ademais parece que non hai plan B tiñan a posibilidade de financialo co +Provincia da Deputación, pero desbotárono de raíz, e tampouco hai moitas opcións cos fondos propios, xa que se fundiron case todo o remanente baixándoo dos 1,6 millóns que lle deixou o PP a menos de 500.000 euros”.
Para a concelleira popular, este pasotismo do bipartito co proxecto “xurde de que se trata dunha iniciativa impulsada polo PP, deseñada polo PP e respaldada polo PP desde a Deputación” para que Rodeiro conte cun centro de día con 40 prazas e cun PAI con outras 30. “Sumáronse a reganadentes porque é un proxecto importante e que responde a unha gran demanda social e por iso andan arrastrando os pés, pero deben poñerse as pilas e conseguir xa os cartos”, concluíu.