O PP alerta do “grave empeoramento” da situación económica do Concello por pechar o pasado ano con 300.000 euros de facturas sen pagar e a dilapidación do remanente

Rodeiro, 19 de marzo de 2026

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de alertar do “grave empeoramento” da situación económica do Concello de man da xestión do goberno de José Luis Camiñas, xa que lembrou que pechou o pasado ano con 299.372 euros en facturas sen pagar, mentres segue a dilapidar o remanente de 1,6 millóns de euros que lle deixou o anterior executivo popular tras gastarse máis do 75% do mesmo en só 33 meses e sen que iso lle sirva para nin sequera para cumprir axeitadamente cos provedores.

A voceira municipal, Cati Somoza, cre que o problema desta xestión “descontrolada” xurde exclusivamente da falta de capacidade económica do alcalde, posto que lembrou que, no pleno celebrado a comezos deste mesmo mes, dixo textualmente que, do ano pasado, quedarían 50.000 ou 60.000 euros pendentes “cando a realidade é que hai que multiplicar esa cifra por seis, o que demostra que non sabe nin o que hai na tesourería nin o que se gasta, que é algo moi habitual nos multipartitos porque cada partido fai da súa capa un saio e gasta o que lle peta sen dar contas aos demais socios”.

Ademais, a edil popular revelou que o Concello ten un período de pago medio a provedores excesivo e que incumpre a lei, xa que se sitúa en 47,26 días para o pago de facturas, polo que é un dos dous municipios de Deza e Tabeirós –xunto con Agolada– que supera o máximo permitido “cos conseguintes prexuízos para a liquidez das empresas e autónomos que traballan para a administración local, moitos dos cales son veciños de Rodeiro”.

Así mesmo, a concelleira do PP tamén lamentou que esta mala situación das arcas municipais se estea a producir malia o gasto desorbitado e acelerado dos 1,6 millóns de euros do remanente: “Os dous alcaldes teñen tirado ao lixo 1,2 millóns de euros do remanente, xa que quedan menos de 400.000 euros e é moi posible que esteamos a cero antes de final. Polo tanto, queimaron os aforros e nin fan obras, nin fan investimentos nin cumpren cos provedores, polo que habería que comezar a preguntarse onde está ese diñeiro”.

“Con esta xestión é normal que digan que non teñen cartos para arranxar as pistas, nin para rematar o Centro Asistencial, nin para o mantemento do colexio, nin para o teito do pavillón nin para nada e, mentres tanto, ata amagan con deixar o SAF por falta de diñeiro. Viviron do que lles deixou o PP, malgastárono non sabemos en qué e isto está claro que non se vai soster moito máis tempo”, sinalou a edil.

Finalmente, Cati Somoza responsabilizou desta “pésima situación económica” a José Luis Camiñas pola súa falta de control do diñeiro público e a sua xestión rememorando á do infausto anterior bipartito e á conformación dun “goberno con dous partidos e dous alcaldes, xa que, como pasa en todos os sitios, acaban gastando o dobre porque cada un ten os seus intereses”.