O PP alerta da “desborbitada” suba de custes do novo contrato de recollida de lixo nun 140% ata chegar a 3 millóns en cinco anos e augura un forte incremento da taxa aos veciños
Vilaboa, 24 de abril de 2025.-
O grupo municipal do PP de Vilaboa vén de alertar da “desorbitada” suba de custes do novo contrato de recollida do lixo e limpeza, que foi abordado onte na comisión informativa previa ao pleno, xa que contempla un incremento económico do 140% con respecto á contía actual ata chegar case aos 3 millóns de euros nos cinco anos de duración propostos polo goberno local.
Os populares explicaron que, neste momento, o Concello afronta un gasto anual coa empresa concesionaria de 248.297 euros anuais, pero o mesmo pasará ata os 596.380 euros por exercicio, “o que supón un aumento estratosférico, situado moi por riba dos efectos da inflación destes anos e do aumento xeralizado de custes e que coloca a Vilaboa co maior incremento nun contrato destas características en toda a provincia de Pontevedra”.
Ante esta situación, o voceiro municipal, Alberto Acuña, calificou esta suba de “inexplicable” e engadíu que vén derivada do curto prazo do contrato, fixado en só cinco anos, “e que a obriga a poñer unha contía esaxerada para que a empresa poida amortizar o seu investimento e servizo, que é algo que demostra unha pésima xestión por parte do goberno socialista, xa que os demais concellos adoitan a poñer entre 10 e 20 anos de contrato para suavizar o aumento de custes”.
Próxima suba de impostos
Por todo elo, o concelleiro popular augurou que se vai producir de xeito inminente unha “forte suba da taxa que pagan os veciños” e engadíu que dita circunstancia “ten como únicos responsables ao alcalde, que rexeitou facer un contrato máis longo de cinco anos como os demais concellos, e ao Goberno de España, que duplicou o custe do tratamento de Sogama co seu arbitrario imposto á incineración e que incluso está tentando bloquear a axuda do 60% que a Xunta quere entregar aos concellos para evitar un gasto excesivo entre os veciños”.
Alberto Acuña, que desvelou que non existen melloras substanciais nin ningunha medida que xustifique este aumento, deixou claro que a suba da taxa vai ser inevitable, aínda que contará coa oposición do PP de Vilaboa, tanto porque queda seriamente comprometida a economía do Concello como pola ley estatal de 2022 sobre residuos e solos contaminados que obriga aos concellos a repercutir o custe real e efectivo do servizo de xestión de residuos. “Con esta normativa, o que había que facer era conter ao máximo o prezo do servizo e non disparalo, como fai o goberno de Vilaboa, xa que o van pagar todos os veciños”, lamentou, antes de reclamar unha aposta no contrato pola recollida selectiva, a redución de residuos en orixe e a optimización do calendario e frecuencia de recollidas.
Finalmente, os populares tamén se van interesar no pleno pola falta de transparencia neste proceso de adxudicación do contrato do lixo, xa que van pedir explicacións sobre supostas irregularidades e casos de nepotismo vencelladas a subcontratas de limpeza viaria e a a concesión dalgunha obra por persoas afín sao goberno socialista.