O PP advirte que o goberno admite a súa correcta exclusión do Plan Extra da Deputación por modificar o proxecto a posteriori para facer que cumpra as bases, pero lamenta que chegue tarde para recibir a axuda
Cambados, 28 de marzo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Cambados vén de advertir que o goberno local encabezado por Samuel Lago vén de admitir de facto a súa correcta exclusión do Plan Extra da Deputación de Pontevedra, que impedirá que o Concello se beneficie dunha achega de máis de 400.000 euros para a construción dun skate park no Pombal, xa que modificaron o proxecto a posteriori para facer que cumpra as bases incrementándolle o orzamento ata o mínimo dos 450.000 euros. En todo caso, lamenta que esta acción do executivo municipal chegue tarde para recibir a axuda, posto que acometeuse despois da proposta definitiva de resolución por parte do organismo provincial.
Os populares relataron que, tras o ditame da Deputación do pasado 16 de marzo sobre o Plan Extra, o cuatripartito púxose a cambiar o proxecto “a todo correr” para aumentar os insuficientes 429.000 euros e alcanzar o listón de 450.000 fixados nas bases. Así, segundo se recolle nunha resolución da Alcaldía “curiosamente detectaron de súpeto que faltaba un estudo xeotécnico que incrementou o custe en 21.660 euros e que, deste xeito, superaríase o citado listón dos 450.000 euros”.
Este documento foi remitido á Deputación o 18 de marzo e, xusto ao día seguinte, entrou por rexistro no Concello de Cambados o terceiro modificado do proxecto cun orzamento de 455.381 euros, que foi aprobado por resolución da Alcaldía o martes 24, a só tres días do pleno provincial e con posterioridade ás comisións informativas da Deputación previas a esta sesión, pero loxicamente totalmente fóra de prazo.
“Tentaron arranxar en seis días o que fixeron mal durante varios meses, algo que é habitual pola súa manifesta incapacidade, pero facer as cousas tarde é como facelas mal porque non serve para nada e afonda na neglixencia do goberno de Samuel Lago. Pero máis alá deste intento desesperado, o cambio do proxecto demostra que eles saben que perderon a achega polos seus propios erros e que a denegación da axuda, para tristeza do pobo de Cambados, é totalmente correcta, porque se o proxecto estaba ben e cumpría non había que tocarlle nada”, manifestou a voceira municipal, Sabela Fole.
E máis alá da razoable sospeita sobre e engádega duns movementos de terra que permiten superar o orzamento mínimo do proxecto para beneficiarse do Plan Extra, a concelleira popular criticou a totalidade da xestión municipal, tanto na redacción dunha actuación insuficiente para recibir a achega como nos modificados posteriores para tentar salvar a súa imaxe: “Unha vez máis estamos ante unha auténtica chapuza do cuatripartito que en vez de Pepe Gotera e Otilio protagonizaron Samuel Lago e José Ramón Abal”.